Persoal do centro comercial Catro Camiños mobilízase contra a ampliación dos horarios

20111220_catro_caminhos.jpg
Traballadores e traballadoras do centro comercial Catro Camiños, na Coruña, concentráronse diante da porta principal, a primeira hora do 20 de decembro, para amosar a súa repulsa perante os plans das grandes empresas asentadas nesta superficie de ampliar o horario de apertura até as 22:00 horas. A convocatoria da protesta partiu da CIG-Servizos, UGT e CC.OO.
20/12/11.

Actualmente os estabelecementos comerciais de Catro Camiños teñen abertas as súas portas até as 21:00 horas. Porén, as grandes empresas pretenden estender este horario até as 22:00 horas, malia que está constatado que o volume de vendas non se incrementa nesa franxa. Este cambio suporá unha modificación da xornada de traballo do persoal, que dificultará a conciliación laboral e familiar e, mesmo nalgúns casos, nin sequera terá unha compensación económica. “Todo isto a conta do benestar dos traballadores e traballadoras e da pequena e media empresa”, denuncian desde a CIG-Servizos da Coruña.

As organizacións sindicais lembran que, a pesar da crise, os grandes grupos continúan incrementando os beneficios e a súa cota de mercado. O Grupo Inditex (que conta con firmas como Zara, Pull&Bear, Bershka, Massimo Dutti, Stradivarius, Oysho ou Uterqüe) anunciou un aumento dos beneficios do 10%. Mentres, o Grupo Cortefiel (Cortefiel, Springfield e Women’ Secret) incrementoulles un 35% os emolumentos aos integrantes do Consello de Administración logo de despedir 600 persoas. C&A, pola súa banda, fachendea de incrementar na Península Ibérica as vendas nun 4´5% e cota de mercado un 2´2%.