Gadis sanciona un delegado que esixiu o cumprimento da normativa de prevención
O sindicato leva anos denunciando no Comité de Seguridade o risco que entraña para o persoal das tendas o modo no que se descarga a mercadoría. Ademais, a lexislación impón a obriga de realizar esta tarefa ás empresas de transporte, malia que neste caso a faga o propio persoal do estabelecemento.
Na tenda da praza de Lugo, a descarga prodúcese no medio da rúa, fóra das zonas habilitadas ao efecto, e moitas veces en dobre fila. Os empregados sofren un risco real de seren atropelados. Gadis ignora todos estes perigos e non adopta ningunha solución, malia que a situación xa foi denunciada na Inspección de Traballo.
O sindicato entende que a sanción é totalmente desproporcionada, sobre todo cando o traballador represaliado non era o responsábel de realizar a descarga e o camión estaba parado nunha zona non autorizada, circunstancia que puxo en perigo a súa integridade física.




