A patronal da seguridade privada non quere aplicar a suba salarial de 2012

P1490044_grande.jpg
A patronal da seguridade privada quere diferir durante tres anos o incremento salarial acordado no convenio para 2012 (IPC real de 2011 máis o 2%), o que implicaría a ampliación da súa vixencia dous anos máis, até o 31 de decembro de 2014. Esta proposta fixéronllela os empresarios aos sindicatos nunha xuntanza celebrada en Madrid o 29 de decembro. CIG-Servizos anunciou a convocatoria dunha asemblea nacional de delegados do sector, que se realizará no local de Compostela o 12 de xaneiro, ás 17:00 horas.
29/12/11.

CIG-Servizos recolleu a proposta dos empresarios e manifestou que a estudará, mais expresoulles o seu malestar por abrir a comisión negociadora. Tamén lles recordou que é preciso respectar os convenios en vixencia. A Federación estivo representada na xuntanza do 29 de decembro polo secretario nacional, Paulo Rubido, e mais polo secretario federal de Negociación Colectiva, Pedro Pérez Caride.

Reproducimos polo seu interese o comunicado difundido polo sector da seguridade privada da CIG-Servizos:

Como xa sabedes, este pasado xoves 29 de decembro tivo lugar unha xuntanza entre as patronais do sector de seguridade privada e as centrais sindicais con representación na negociación colectiva estatal, entre as cales se atopa a CIG. Nesta xuntanza, a patronal propuxo reabrir a mesa negociadora do sector, cunha proposta de repartir a suba salarial pactada para o ano 2012 do 5% aproximadamente a 3 anos, incrementándose a vixencia do actual convenio até o ano 2014. Isto significaría que na vez de subir o convenio para o ano 2012 nun 5%, subiría este ano un 1%, o 2% no 2013 e o 2% no 2014, por exemplo, sen concretar o incremento de cada ano, e quedando en pasar unha proposta por escrito nos vindeiros días.

Esta proposta ven fundamentada pola actual situación de crise económica, que como se pode ver queren repercutirlla a quen non ten culpa, que somos os traballadores e traballadoras, e co argumento envelenado de que se non o facemos vanse perder centos de postos de traballo. Novamente, as patronais pretenden imputarnos a nós a súa mala xestión, facéndonos culpables deses centos de contratos que eles ofertaron por debaixo dos prezos de licitación establecidos nos concursos, aforrando cartos ás administracións e clientes privados á conta de conxelar e reducir os nosos salarios. Non chega pois, para esta patronal insaciable, o feito de térmonos conxelado o salario nos anos 2009 e 2010, aínda queren máis. Non nos acordamos xa dos beneficios obtidos na última década, na que se enriqueceron á costa das nosas condicións de traballo.

Desta volta alegrámonos que a posición sindical da mesa fose unánime. Por primeira vez en moito tempo non nos quedaron dubidas de que os sindicatos asinantes do convenio (UGT-USO), non teñen ningún tipo de intención de modificar o que pactaron no seu día. Menos mal. Non se pode pactar o mantemento dos postos de traballo a cambio de empeorar as condicións laborais e salariais no sector, precarizando o mesmo e condenándoo novamente á perda do poder adquisitivo e non recuperándose este de por vida.

As centrais sindicais acordamos non volver a outra reunión para tentar reabrir a mesa de negociación, o único que procede é convocar a Comisión paritaria unha vez coñecido o dato do IPC, para asinar as táboas salariais do 2012, co incremento aproximado do 5%. Este é o compromiso ao que chegamos hoxe, e no caso de que a patronal non queira asinar as táboas salariais, a nosa resposta debe ser acudir aos xulgados e reclamar o que é noso. A CIG xa dixo no seu momento que non estaba de acordo coa sinatura deste convenio, e seguimos a manter que non foi un bo acordo, porque perdemos case un 7% de poder adquisitivo. Aínda que suba agora un 5%, o perdido non o imos recuperar. Non deixemos que nos rouben o pouco que nos queda.

Xa por último, temos que facer un chamamento ao sector para non permitir que trasladen a problemática ás empresas, que é o que queren facer agora. A pretensión da patronal é promover agora ERE´s e cláusulas de descolgue salarial empresa por empresa, acordos lesivos para os traballadores e traballadoras nos ámbitos de cada Comité de Empresa. A verdadeira unidade de acción sindical debe darse agora en cada empresa, defendendo as nosas condicións de traballo e non asinando acordos contrarios aos intereses do sector. Esta loita non fixo máis que comezar.

Preme aquí para consultares as novas da seguridade privada.

AdxuntoTamaño
Comunicado 29-12-201122.24 KB
Acta da reunión do 29-12-2011242.62 KB