A Inspección de Traballo constata contratación irregular en Linorsa

Protesta no pleno municipal de Vigo das traballadoras da limpeza dos colexios públicos
A Inspección de Traballo constatou irregularidades na contratación de 25 empregadas da limpeza dos colexios públicos de Vigo, que deberán ser indefinidas. A autoridade laboral entende que os contratos temporais non estaban xustificados. Porén, non vai sancionar Linorsa pois asumiu o compromiso de regularizar a situación das operarias, que pasarán a ser fixas descontinuas con carácter indefinido.
02/1/12.

As denuncias na Inspección presentáronse cando o sindicato tivo acceso ás copias básicas dos contratos e puido comprobar os altos índices de contratación temporal existentes. “Figura un contrato fixo de 10 horas e outro parcial de 22 horas e media, o que supón entrar a traballar antes das seis da tarde, co que se incumpre o horario laboral establecido polo Concello. Hai tamén nove de interinidade por substitución, mentres que o resto son a tempo parcial e por fin de obra até o 21 de decembro”, explica Tránsito Fernández, secretaria comarcal de Vigo.

A Inspección levantou unha acta de infracción contra Linorsa por non ter entregado en tempo a copia básica dos novos contratos. Non obstante, o comité denuncia que a empresa segue incumprindo esta obriga e tampouco fai público o calendario de vacacións. As representantes do persoal, ademais, quéixanse de que a compañía non revele as cifras de absentismo. Este dato é de especial importancia para as empregadas pois, se é inferior ao 3´5 %, percibirían o 100% do salario en caso de baixa.

A Federación de Servizos da CIG tamén puxo estas circunstancias en coñecemento dos responsábeis municipais mais aínda non obtivo resposta algunha. O sindicato tamén se reuniu con representantes das forzas da oposición.