Os traballadores da Torre de Hércules responsabilizan o Concello da perda dos seus postos
Unha representación dos empregados foi recibida ás portas do Pazo de María Pita por Julio Flores, primeiro tenente de alcalde, que culpou o anterior Goberno deste problema. Non aclarou se o Concello vai respectar o dereito á subrogación do persoal, nin como se vai levar a cabo. Os traballadores recordáronlle que, nos servizos municipais externalizados, sempre se respectou a continuidade do persoal aínda que mudase a empresa adxudicataria.
Tamén lle reprocharon a falta de consideración do Goberno local por anunciar o peche temporal da Torre a través da prensa, antes incluso de que o coñecesen os propios empregados. Tampouco entenden por que o Concello non os informou do tempo que vai estar pechado o faro, das obras que se van acometer nel ou de cando se vai sacar a concurso público o novo prego de condicións.




