As empregadas de Serviasistencia levan tres meses sen cobrar
Serviasistencia non lles paga os salarios ás traballadoras desde hai máis de tres meses. Tampouco se lles abona o plus de nocturnidade nin o total da quilometraxe. Á parte de non respectar o descanso mínimo semanal de día e medio, obrígaas a realizaren horas extraordinarias, que logo non as retribúe. Estas irregularidades provocan que o persoal teña que desenvolver o seu traballo en condicións precarias e con cansazo acumulado. A empresa, asemade, tampouco cobre as baixas.
Esta situación ten ocasionado que as traballadoras fosen abandonando pouco a pouco a empresa, polo que o cadro de persoal muda constantemente, o que provoca un grave deterioro na calidade do servizo.
CIG-Servizos de Ferrol critica a actitude do Concello pois ignora as reivindicacións do persoal de Serviasistencia. O Goberno municipal alega que a empresa é solvente e que non poden facer nada. Non obstante, é coñecedor de que os usuarios están a mudarse a outras empresas para recibir o servizo de axuda a domicilio.




