A CIG organiza concentracións solidarias cos compañeiros que serán xulgados o 18 de xaneiro

20110628, detalle da concentración diante da Delegación do Goberno español
Os compañeiros Adolfo Naya, na Coruña, e Marcos Cadórniga, en Pontevedra, terán que comparecer o 18 de xaneiro nos xulgados das súas cidades acusados da comisión de delitos por exercer o dereito fundamental á folga. A Confederación Intersindical Galega organiza concentracións de apoio ese día en ambas cidades, ás 10:30 horas na Coruña e ás 11:00 en Pontevedra.
13/1/12.

A Fiscalía pide para Adolfo Naya, secretario federal de Organización, catro anos de prisión por un lance ocorrido en xaneiro de 2010 na piscina da Barcala (Cambre), no decurso da folga das instalacións deportivas. O Ministerio público acúsao de impedir o acceso de traballadores ao recinto, extremo completamente falso. O fiscal tamén lle imputa infundadamente a comisión dunha falta de danos, valorados en menos de 100 euros.

A vista contra Naya estaba inicialmente marcada para o pasado 14 de xullo pero a maxistrada adiouna ante imposibilidade de celebrala en tan só media hora, duración que lle asignara na súa axenda. A xuíza tomou esa decisión tras ouvir o anuncio da avogada defensora de que ía presentar dúas testemuñas no propio acto.

Proceso pola folga xeral

Marcos Cadórniga, integrante da Executiva comarcal da Federación en Pontevedra, enfróntase a unha multa de 6.000 euros (20 meses a razón de 10 euros diarios) ou ben a 10 meses de prisión en caso de impagamento, por participar activamente na folga xeral do 29 de setembro de 2010. O compañeiro ten aberto outro proceso penal, relacionado coa folga do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra, no que lle piden unha pena que oscila entre os 6 meses e os 3 anos de cadea e unha multa de 7.200 euros.

Represión sobre a Federación

Só no ano 2010, as diferentes Subdelegacións do Goberno español impuxéronlles a 70 militantes sancións administrativas que superan os 40.000 euros. O Goberno do Estado non tolera as manifestacións, concentracións, folgas e demais actos reivindicativos organizados pola central e pretende afogar economicamente a quen ousa participar neles.