Continúa o peche na Torre de Hércules malia acabárense os alimentos
Adolfo Naya e Alejandro Expósito (UGT) quedaron sen alimentos na mañá do 13 de xaneiro, terceiro día de encerro. Os sindicalistas están a soportar estoicamente unhas condicións meteorolóxicas moi adversas, con fortes rachas de vento, un índice elevado de humidade e temperaturas moi frías que polas noites poden baixar dos cero graos.
Ánimo elevado
A decisión de seguir co peche adoptárona o día 12 despois de recibiren informacións que cuestionan as manifestacións da concelleira de Turismo sobre os motivos da clausura da Torre. As obras previstas non comezarán até dentro dunhas semanas e limitaranse a pequenas actuacións no monumento, que mesmo poderían realizarse sen necesidade de pechar o faro.
“Estas noticias confirman as nosas sospeitas sobre que as supostas obras non son máis que unha escusa para botar os 13 empregados e empregadas da Torre”, informa Naya.




