Imputan o reitor da USC pola presunta comisión dos delitos de prevaricación e malversación de fondos

20120113_rolda_prensa_sobre_casares_long.jpg
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Casares Long, terá que comparecer como imputado o 6 de febreiro no xulgado de Instrución número 2 da cidade como presunto autor dos delitos de prevaricación e malversación de fondos públicos. Esta citación xudicial é consecuencia da querela presentada contra el pola CIG-Servizos e UGT. Ambas centrais entenden que, baixo o seu mandato, a Fundación USC-Deportiva consolidou unha traballadora sen convocatoria pública nin proceso selectivo. Os dous sindicatos piden a dimisión do reitor.
13/1/12.

As centrais tamén dirixiron a querela contra o anterior xerente da Fundación e contra a empregada beneficiada. O Código Penal prevé penas de prisión de tres a seis anos e inhabilitación absoluta de seis a dez anos polo delito de malversación de fondos públicos. Para a prevaricación hai contemplada inhabilitación especial para emprego ou cargo públicos de 7 a 10 anos.

Consolidación irregular

Os antecedentes deste caso sitúanse en febreiro de 2010 cando a Fundación USC-Deportiva despediu unha empregada que se presentara na candidatura da UGT. O seu posto nos servizos administrativos foi cuberto por unha monitora deportiva que traballaba na piscina cun contrato eventual. Segundo Paulo Rubido, secretario nacional da CIG-Servizos, a Fundación “unilateralmente, transformoulle o contrato temporal en indefinido sen pasar por ningún tipo de proceso selectivo, nin convocatoria, sen transparencia, a dedo”. Rubido recorda o carácter de ente público que ten a Fundación “e non se pode contratar a xente a dedo”.