Centos de persoas arroupan os empregados da Torre no día do seu peche

Na defensa do persoal da Torre de Hércules 01
Varios centos de persoas participaron o 15 de xaneiro na concentración solidaria co persoal da Torre de Hércules, o mesmo día no que o Concello pechou o faro e mandou ao paro os seus 13 empregados. Esa mesma xornada, Adolfo Naya e Alejandro Expósito puxeron fin a cinco días de encerro e a tres en folga de fame.
16/1/12.

Os participantes na protesta congregáronse ao pé do monumento contra as cinco da tarde, nunha tarde moi desapracíbel con chuvia, vento e un frío intenso. Os 13 traballadores e traballadoras, así como os activistas que protagonizaron o peche, recibiron mostras constantes de cariño e apoio por parte da veciñanza que se achegou ao faro. O acto concluíu cun discurso solidario do artista e comunicador Xurxo Souto.

Consideracións da Federación sobre o conflito

En primeiro lugar, CIG-Servizos quere expresar a súa máis absoluta reprobación da concelleira de Turismo, Luisa Cid, que foi autora dunha das declaracións máis desprezábeis e ruíns que se recordan nun representante político. Esta señora mofouse da folga de fame mantida polos dous sindicalistas ao suxerirlles que fosen á Cociña Económica.

Por outra banda, hai 13 traballadores que foron despedidos dos seus postos nunha contrata do Concello. E non en calquera contrata. Son os traballadores que coidan e ensinan desde hai moitos anos o símbolo da cidade. Son os traballadores grazas aos que se conseguiu, en gran parte, que a Torre fose declarada "Patrimonio da Humanidade".

Ante isto e ante as declaracións tanto da concelleira Cid como do alcalde Negreira, que o único que buscan é confundir á opinión pública, deberíanse aclarar os seguintes puntos, demostrables e verificables facilmente:

- Os traballadores teñen dereito á subrogación, como así se leva facendo desde hai 16 anos, nos que pasaron até catro empresas pola Torre sen necesidade de cambiar de traballadores. (Ou é que cada vez que se cambia de empresa concesionaria "desaparecen" os traballadores de Cespa, da ORA, as limpadoras dos edificios municipais...?).

- As obras que se van realizar son menores e non é necesario pechar a Torre para acometelas. Non son máis ca unha argucia legal para que non exista continuidade entre a empresa que sae e a que entra e así os traballadores perdan o dereito de subrogación.

- Os novos traballadores que se contratarán para a Torre, en caso de que o Concello non rectifique a decisión, non van pasar ningún proceso de selección público; nin oposicións, nin concurso nin nada. A empresa entrante contratará a quen lle dea a gana (ou a quen desde o Concello recomenden, claro).

-Os traballadores non queren apropiarse de ningún emprego público, como interesada e inicuamente queren facer entender desde o Concello. Simplemente, queren conservar os "seus" postos de traballo de toda a vida. E que non dependan da color política que teña o Concello cada catro anos.

GALERÍA FOTOGRÁFICA