A CIG mobiliza centenares de persoas contra os procesos xudiciais a militantes

20120118 Concentración diante dos xulgados da Coruña
A Confederación Intersindical Galega congregou centenares de persoas na Coruña e Pontevedra nas concentracións previas aos xuízos contra os compañeiros Adolfo Naya e Marcos Cadórniga. O sindicato denunciou publicamente a campaña de represión da que está a ser obxecto a través de imputacións xudiciais de militantes e sancións gobernativas.
18/1/12.

No plano estritamente xurídico, o Ministerio Público ratificou a súa petición contra Naya e solicitou catro anos de cadea e unha multa de 3.780 euros. En Pontevedra, a defensa de Cadórniga chegou a un acordo coa Fiscalía, polo que se ditou unha sentenza de conformidade que rebaixa a contía da multa dos 6.000 euros iniciais a 2.880 (16 meses a razón de 6 euros diarios). Paulo Rubido, secretario nacional da Federación, xustificou o acordo atinxido co fiscal: “É unha boa saída dentro das posibilidades legais que tíñamos, tendo en conta que o ordenamento xurídico español tipifica como delito o que non é outra cousa que actividade sindical en defensa dos intereses da clase traballadora”.

Rubido criticou a actitude da xudicatura, das forzas policiais e dos subdelegados do Goberno español, aos que acusou de perseguir os militantes da CIG pola súa conciencia combativa, “mentres os responsábeis da crise económica continúan a vivir con total impunidade”.

Na Coruña, Suso Seixo, secretario xeral da CIG, cualificou de auténtico disparate as peticións de condena para estes dous compañeiros. “Hai sectores que teñen animadversión contra todo o relacionado co movemento sindical e, sempre que teñen a oportunidade, queren impor castigos exemplares”, aseverou.

GALERÍA FOTOGRÁFICA