Informan os asistentes a FITUR, en Madrid, do conflito da Torre de Hércules
“Se a concelleira de Turismo se esquece nas súas intervencións da existencia do monumento Patrimonio da Humanidade, teremos nós que dalo a coñecer”, sinalaron Adolfo Naya e Óscar López, un dos traballadores do faro. Ambos viaxaron até a capital española para difundir as reivindicacións do persoal da Torre entre os asistentes a unha das mostras de turismo máis importantes do mundo.
Manifesto da autoría de Xurxo Souto que está a ser distribuído en FITUR:
Saúde e océano !
Máis luz para A Coruña. Por favor que non nos toquen a Torre!
Pecharon o orgullo da cidade. Un monumento patrimonio da humanidade cerrado por reformas. A medida pode ser absolutamente legal, mais sinceramente, non che ten xeito ningún.
Que grave problema estrutural padece esta obra bimilenaria como para restrinxir, polo menos durante dous meses, poden ser tres, o acceso total do público? Fálase dunhas pingueiras e dunhas reformas na zona dos servizos. De todos xeitos -tranquilidade para os navegantes –a pesar da entidade da intervención parece que o torreiro poderá seguir acendendo cada noite o faro.
Máis luz para a Coruña, que non nos toquen A Torre !
Que ocorre, estaban choscos os técnicos da UNESCO? Déronlle a máis alta cualificación a un edificio a medio caer.? Aquí hai algo que non cadra.Non, non cadra que aproveiten este peche para mandar directamente ao paro os trece traballadores e traballadoras que acollen aos visitantes. Hai uns meses acabou a contrata da empresa xestora e ninguén lles di – fóra que o luns deben ir á oficina do Servizo Galego de Colocación- cal vai ser o seu futuro. E agroma pois outro problema, como mínimo paradoxal, a situación de incerteza e precariedade laboral dos que teñen a alta responsabilidade de presentarlle ao mundo o símbolo desta cidade. Un traballo, permítaseme un chisco de vehemencia, que debería ser a envexa de todos os coruñeses.
Máis luz para a Coruña, que non nos toquen A Torre !
Agora, e creo que recollo o sentimento de moitos cidadáns, quero enviarlle unha aloumiña de ánimo e de apoio solidario a Adolfo Naya, e Alejandro Expósito,os dous traballadores, os dous sindicalistas, que estiveron cinco días no curuto no faro, alá arriba á intemperie, os tres últimos en folga de fame. E quero expresar tamén, como cidadán, o profundo desgusto e malestar polas desafortunadísimas declaracións da concelleira de Turismo: Comentou que se queixan, palabras textuais, porque se les acabaron las galletas… Non señora non, non protestan polas galletas, protestan do mellor xeito que consideran oportuno, porque van quedar sen traballo. E vostede, como representante electa da cidadanía, debería ser a persoa máis sensible ao seu frío e ao seu padecemento.
Máis luz para a Coruña, que non nos toquen a Torre!
Parece difícil imaxinar situacións paralelas. O Coliseo de Roma tres meses sen visitas por unhas pingueira ou o peche das Pirámides de Exipto, porque cómpre alicatar as toilets.
Mais na Coruña non somos quen. E é imposible manter aberto durante unhas obras un monumento patrimonio da humanidade.Cantou Pucho Boedo:
“Torre de Hércules da Cruña,
ben te podes alabar
levas máis de dous mil anos
sen deixar de alumear".
Pois iso, que nos siga alumeando.
Aquí ao pé do Faro, coa Coruña toda as costas reclamamos que a luz, que a dignidade do símbolo máis importante da cidade se traslade tamén as condicións laborais dos que nela teñen o seu posto de traballo.
Un chisco de cabeciña. Mimo e respecto para as persoas encargadas de presentarlle ao mundo esta atlántica marabilla. Máis Luz para a Coruña.
Por favor, que non nos toquen a Torre !
| Adxunto | Tamaño |
|---|---|
| SOS TORRE | 67.06 KB |




