Traballadores da Torre difunden as súas demandas entre as delegacións internacionais en FITUR
Por outra banda, na Coruña outro grupo de empregados do faro repartiu, o 21 de xaneiro, 5.000 follas reivindicativas ás portas do Estadio de Riazor en coincidencia co partido do Deportivo. O texto difundido sinala o seguinte:
OS TRABALLADORES DA TORRE SOLICITAMOS A SOLIDARIEDADE E O APOIO DA BOA CIDADANÍA CORUÑESA
• Sabía Vde. que o Concello elaborou unha escura manobra para desfacerse dos 13 traballadores actuais da Torre de Hércules?
• Sabía Vde. que levamos até 16 anos ininterrompidos de impecable servizo no monumento que representa á cidade?
• Sabía Vde. que gozamos do dereito de subrogación polo que durante todos eses anos pasamos por catro empresas concesionarias distintas sen problema?
• Sabía Vde. que a única argucia legal que pode impedir que conservemos o noso posto de traballo é que non exista continuidade entre a empresa concesionaria que sae e a que entra?
• Sabía Vde. que, por iso, a concelleira Cid e o alcalde Negreira alegan unhas obras menores para pechar a Torre e así deixarnos na rúa?
• Sabía Vde. que a Torre de Hércules leva pechada unha semana sen que se iniciase ningunha obra no seu interior?
• Sabía Vde. que, desde que se coñece a noticia, e a pesar das nosas solicitudes e protestas, ninguén do concello falou con nós?
Os 13 traballadores da Torre sentimos paixón polo noso traballo. Esforzámonos arreo para poder presumir do noso “Patrimonio da Humanidade”. Coidamos e ensinamos con cariño o emblema da Coruña tódolos días do ano a centos de miles de coruñeses e visitantes de todo o planeta. E agora, cunha decisión política de escuras motivacións, vémonos na rúa sen dereito ningún.
O ÚNICO QUE QUEREMOS É QUE O CONCELLO RECOÑEZA O NOSO DEREITO DE SUBROGACIÓN.




