A Xustiza anula os servizos mínimos dos paros parciais na limpeza do Hospital de Cee

20120120_limpeza_hospital_de_cee.jpg
O xulgado do Contencioso-administrativo número 1 da Coruña anulou o decreto ditado pola Consellaría de Sanidade sobre os servizos mínimos nos paros parciais convocados en novembro na limpeza do Hospital de Cee. Este órgano xudicial considera que a medida adoptada pola Xunta é contraria ao exercicio do dereito fundamental á folga.
02/2/12.

O decreto de Sanidade estabelecía unha actividade do 100% nas urxencias, do 70% nas áreas de radioloxía, laboratorio de urxencias e hospitalización e do 50% no resto de servizos. Esta norma tamén contemplaba un operativo de traballo do 100% para os festivos e fins de semana.

O fallo entende que a motivación da resolución da administración “é escasa e xenérica”, tendo en conta que a folga tiña carácter parcial e unicamente afectaba dúas horas de cada quenda de traballo. Esta circunstancia permitía conciliar un horario no que o servizo fose atendido de xeito adecuado co libre exercicio do dereito á folga.

Por outra banda, o persoal prosegue co calendario de mobilizacións en demanda dun convenio de centro que permita a súa equiparación co grupo E do SERGAS.