Absolven Adolfo Naya dos cargos imputados por participar na folga de deportes

Adolfo Naya Fernández, secretario de Organización da CIG-Servizos
O Xulgado do Penal número 5 da Coruña absolveu Adolfo Naya, secretario federal de Organización, dos cargos que pesaban contra el por un lance ocorrido en 2010 nunha piscina de Cambre, no transcurso da folga das instalacións deportivas. A Fiscalía acusábao dun delito contra o dereito dos traballadores e dunha falta de danos. Polo primeiro, o Ministerio Público solicitaba catro anos de prisión e unha multa de 3.780 euros; pola falta, 12 días de localización permanente e unha indemnización de 95 euros.
08/2/12.

Os procedementos penais abertos contra os compañeiros Adolfo Naya e Marcos Cadórniga foron contestados con varias mobilizacións e por unha vaga solidaria que mesmo se estendeu alén das nosas fronteiras, tal e como demostrou a central catalá Intersindical-CSC co seu comunicado de apoio.

O mesmo día das vistas contra ambos activistas, a Confederación Intersindical Galega congregou centenares de persoas na Coruña e Pontevedra nas concentracións previas aos xuízos. O sindicato denunciou publicamente a campaña de represión da que está a ser obxecto a través de imputacións de militantes e sancións gobernativas.