O persoal de SEAGA retomará as mobilizacións

Asemblea e manifestación de SEAGA 6
O persoal de SEAGA retomará as mobilizacións para regularizar a súa situación e para esixir o inicio da precampaña do operativo contra os lumes. Os empregados emprenderán diferentes actos de protesta como peches en bases e en delegacións da Xunta, marchas a pé ou campañas informativas. No plano legal, xa se ditaron 70 sentenzas que recoñecen o carácter fixo-descontinuo destes traballadores e aínda quedan por celebrar uns cen xuízos.
09/2/12.

Por volta de 200 operarios desta empresa pública participaron na mañá do 9 de febreiro nunha asemblea na praza da Quintana, en Compostela. Unha vez rematada, partiron en marcha até o Edificio Administrativo da Xunta en San Caetano, onde coincidiron cunha protesta dos empregados da función pública.

Pese a ver desestimadas as súas pretensións, SEAGA segue litigando e gastando uns 1.000 euros en cada xuízo en concepto de asesoría legal, cantidade que ascenderá aos 200.000 unha vez que se celebren todos os preitos.

A asemblea de traballadores decidiu por unanimidade proseguir coas medidas de carácter legal e retomar as mobilizacións. O obxectivo é presentar máis demandas durante a campaña deste ano co propósito de atinxir o milleiro.

Risco de incendios

CIG-Servizos alerta do risco de incendios forestais por do inverno seco. O perigo aumenta pola ausencia de traballos de prevención e pola decisión de non contar coas brigadas helitransportadas na precampaña deste ano. Durante marzo e abril só vai estar aberta a base do Campiño, única brigada helitransportada que pertence á administración autonómica. “Novamente a Xunta vai apostar por aforrar o máximo de cartos posíbeis aínda que poña en perigo bens naturais, arquitectónicos e mesmo a vida das persoas”, manifesta Paulo Rubido, secretario nacional da Federación.