Traballadores da limpeza de Cedeira reclaman o pagamento do salario

20120213 concentración da limpeza de Cedeira
O persoal do servizo de limpeza do Concello de Cedeira, pertencente á concesionaria Celta Prix, mobilizouse o 13 de febreiro para reclamar o cobramento da nómina do mes de xaneiro. Sindicalistas da CIG-Servizos conseguiron a mediación do Goberno local, que se comprometeu a facer as xestións oportunas para que os traballadores perciban os seus salarios nunha semana.
14/2/12.

Representantes do Concello sinalaron que están dispostos a lle rescindir o contrato a Celta Prix e facerse cargo do persoal no suposto de que a concesionaria continúe sen lle pagar os salarios. O Goberno local supeditou o pagamento das facturas á empresa a que esta lle abone as retribucións aos seus traballadores.

Sindicalistas puxéronse en contacto co responsábel da concesionaria para preguntarlle polos motivos da demora, mais a única resposta que obtiveron foi que o contábel “non respondía as súas chamadas”.

Asemblea

O 18 de febreiro haberá unha asemblea de traballadores, ás 12:30, para comprobar se efectivamente se realizaron os pagamentos. “De non ser así, elaborarase un calendario de mobilizacións, no que non se descarta a convocatoria dunha folga”, manifesta Doce.