Continúa o boicot do Concello da Coruña ás mobilizacións do persoal da Torre

20120228_sinaturas_na_torre.jpg
Antigos traballadores da Torre de Hércules aguantaron unhas horas acampados ao pé do monumento, o 25 de febreiro, até que a policía local os desaloxou. O faro leva mes e medio pechado ao público e os empregados aínda non recibiron garantía algunha da súa subrogación. Mentres, o persoal entregou no rexistro municipal 8.600 sinaturas de apoio.
28/2/12.

Os traballadores sosteñen tres reivindicacións básicas: unha reunión urxente co alcalde, a apertura inmediata do faro romano e o mantemento dos seus empregos a través do recoñecemento do seu dereito á subrogación.

“Sentímonos enganados, defraudados e ninguneados”, manifesta Óscar López, un dos ex traballadores. “O 13 de xaneiro, a concelleira afirmaba nunha radio local que ían sacar un novo concurso para a xestión dos servizos da Torre. Agora di que será o Concello o que se encargue temporalmente da xestión e que van convocan unhas prazas”. 

López aclarou que os antigos empregados do faro tamén van presentar a súa solicitude aos postos. Aínda que sospeita da existencia dunha lista negra pola cal quedarían automaticamente fóra das contratacións. “Estamos totalmente decepcionados, levamos 16 anos traballando na Torre, co noso esforzo tamén se acadou a declaración de Patrimonio da Humanidade e agora, por puro revanchismo político, vémonos sen traballo e sen poder cobrar o paro”, lamenta.