Empregados de SEAGA péchanse indefinidamente nunha base en Silleda

20120305_peche_base_helitransportada_Silleda
Traballadoras e traballadores de SEAGA comezaron o 5 de marzo un peche de carácter indefinido na base helitransportada de Silleda para denunciar a manipulación dos datos sobre o operativo contra os lumes, pois só están a funcionar tres bases no canto de nove. Nesta precampaña, a Xunta non contratou ningunha persoa a través de SEAGA, unha decisión que o persoal entende que é política e que pretende evitar as demandas contra a Administración autonómica por cesión ilegal de man de obra.
06/3/12.

O secretario nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, lembra que o Tribunal Supremo recoñece, en dúas sentenzas ditadas en decembro, que toda a contratación que realice SEAGA ten que se facer a través da modalidade de fixos descontinuos e que os contratos por obra son ilegais.

A Federación esixe que a Xunta inicie un proceso negociador para solucionar este conflito que ten consecuencias non só laborais, senón tamén de índole social ao ficar os montes desprovistos dun servizo eficaz para a prevención e extinción de incendios forestais.