Os ex traballadores da Torre de Hércules consideran ilegal o proceso selectivo do novo persoal

encadeamento_en_maria_pita.jpg
Os antigos traballadores da Torre de Hércules consideran ilegal o proceso selectivo emprendido polo Consorcio de Turismo para prover as prazas do persoal do faro a través de contratos temporais. Os ex traballadores advertiron que continuarán adiante co seu calendario de mobilizacións e coas reclamacións pola vía xudicial.
16/3/12.

Alejandro Expósito, un dos voceiros dos afectados, criticou os tombos dados polo Goberno municipal na xestión da Torre: “Primeiro inventaron unhas obras para pechar o faro e botar os traballadores; despois falaron de que sairía unha nova concesión do servizo e, cando comprobaron que tiñan a obriga de recolocalos na nova adxudicataria, entón inventan un concurso de prazas públicas temporais, que consideramos ilegal e imos denunciar”.

Abundando nesta cuestión, sinalou que non resulta lóxico que o Concello, a través do Consorcio de Turismo, convoque agora estas prazas “semi-públicas”, e menos aínda que lle dean un carácter temporal. “Que van facer, abrir a Torre durante uns meses e logo volvela pechar?”, inquiriu.

En canto ás recolocacións propostas por Sermasa (empresa que tiña a concesión da Torre de Hércules) noutros servizos municipais, recordou que esta oferta está suxeita á renuncia expresa a calquera reclamación sobre os seus postos no faro romano e, ademais, suporía deixar na rúa o persoal que agora realiza estes traballos, cuestións que non están dispostos a asumir.

“Esta é outra das artimañas entre o Concello e a empresa porque, ademais, estes servizos rematan a concesión en agosto, co cal isto só suporía deixar agora na rúa estes traballadores e trasladar o problema do persoal da Torre ao verán”, asegurou.