Condenan Inditex por contratar esquirois para substituír o persoal que participou na folga xeral de 2011

20120323_rolda_de_prensa_inditex.jpg
O Xulgado do Social número 2 da Coruña condenou Inditex por comportamento antisindical pois vulnerou os dereitos fundamentais do persoal que secundou a folga do 27 de xaneiro de 2011 na tenda Stradivarius de Catro Camiños. A empresa contratou traballadoras a través dunha ETT para substituír as empregadas que apoiaron o paro.
23/3/12.

O xulgado considera que houbo unha violación clara dos dereitos fundamentais das traballadoras, neste caso do dereito á folga, e declara a nulidade radical desta conduta. O órgano xudicial ordena o cesamento inmediato deste comportamento. Así o explicaron en rolda de prensa o responsábel de comercio da Federación de Servizos, Roberto Pérez, e a Presidenta do Comité Provincial de Stradivarius, Lucía Domínguez.

Pérez subliñou que o Grupo Inditex comete este tipo de prácticas durante todas as folgas mais foi nesta ocasión cando se puido demostrar xudicialmente. De feito, na tenda de Stradivarius de Catro Camiños case todas as traballadoras secundaron varias xornadas de folga -sectoriais e xerais-, “e Inditex sempre contrata esquirois ou manda a traballar alí o xefe de Recursos Humanos”.

“Agardamos que a partir de agora Inditex volva ao século XXI e deixe de practicar o matonismo empresarial dos anos 20 do século pasado”, censurou Pérez. Neste senso, lanzou unha chamada de advertencia para que non se repitan estes feitos e instou a empresa a que dea cumprimento da sentenza de cara á convocatoria de folga do 29 de marzo.

O sindicalista tamén quixo puntualizar que, na demanda, a CIG non solicitou sanción económica para Inditex pois o que se pretendía era un pronunciamento xudicial que condenase a compañía por conculcar o dereito á folga.