Marchan a pé entre A Coruña e Oleiros en solidariedade cunha delegada represaliada en Yudigar

20120326_marcha_a_pe_a_yudigar_en_perillo-oleiros.jpg
Delegadas e delegados da CIG-Servizos da Coruña realizaron o 26 de marzo unha marcha a pé desde o Edificio de sindicatos até as instalacións de Yudigar en Perillo (Oleiros) para denunciar a política de acoso practicada pola empresa contra unha delegada da central nacionalista. A traballadora foi despedida en maio do ano pasado xusto despois de preavisarse as eleccións sindicais nas que se presentaba como candidata.
27/3/12.

A marcha partiu da explanada do Edificio sindical, na avenida de Alfonso Molina, ás 10:30 horas e estivo custodiada por un forte dispositivo policial. Os manifestantes chegaron ás instalacións da empresa, na parroquia oleirense de Perillo, case unha hora máis tarde tras percorrer catro quilómetros.

A traballadora represaliada é coñecida por ter desenvolvido unha loita incansábel na defensa dos seus compañeiros e compañeiras ao longo dos case 18 anos de servizo na empresa. Foi tamén unha das promotoras da organización do primeiro comité de empresa no centro, no que a CIG conseguira toda a representación.

A empregada tamén foi vítima de acoso laboral que exerceu o seu xefe directo de maneira sistemática durante anos. As presións psicolóxicas e unha iluminación deficiente no seu posto orixináronlle, ademais dun acusado desgaste anímico, secuelas físicas que se manifestan en problemas de visión.

O laudo arbitral sobre a impugnación das eleccións deulle a razón á CIG-Servizos e as votacións tiveron que se repetir. Cómpre subliñar que, aínda estando despedida, a compañeira volveu saír elixida representante do persoal. De feito, a empresa tivo que chamala para negociar o expediente de regulación de emprego que presentou hai unhas semanas.