Comunicado perante a capitulación do sindicalismo español na seguridade

seguridade_privada_pratarias_compostela.JPG
O sector da seguridade privada da CIG-Servizos emitiu un comunicado de oposición frontal ao acordo atinxido entre a patronal e o sindicalismo español, que deixa sen efecto os incrementos salariais contemplados no convenio e que amplía a súa vixencia dous anos máis. A central nacionalista segue a reclamar con insistencia un convenio galego para o sector.
28/3/12.

Comunicado difundido polo sector da Seguridade privada da CIG-Servizos:

A TODOS OS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DA SEGURIDADE PRIVADA

Como sabedes este ano 2012 estaba pactado un incremento salarial do 4,4%, o que viría a tratar de recuperar a perda que supuxo a conxelación salarial do 2009-2010, (cousa totalmente falsa como xa temos manifestado dende a CIG). Pois ben, agora os sindicatos españois CCOO-UGT-USO, asinaron un acordo no SIMA o pasado 22 de abril, onde decidiron deixar sen efecto o incremento previsto no artigo 73 do Convenio Colectivo para o ano 2012. Queremos recordar que, desde o ano 2009, temos de perda de poder adquisitivo 87 euros mensuais e 1051,5 euros anuais, que non recuperaremos co convenio actual, e agora con este acordo seguiremos perdendo poder adquisitivo que nunca recuperaremos.

O acordo asinado no SIMA, supón outro retroceso para os traballadores/as do sector, non podendo ampararse no argumento do mantemento dos postos de traballo e a repercusión no prezo nos contratos aos clientes, para non respectar a aplicación do que estaba pactado en convenio. Falan de que tratarán de evitar os descolgues salariais, a negociación de convenios de empresa e que isto supón unha aposta de futuro pola viabilidade do sector con condicións de traballo e económicas dignas. Pois, para acadar isto teñen que deixar de facer acordos que menoscaban os dereitos dos traballadores/as, que incrementan a súa precariedade laboral e o único que levan é a que as empresas sigan mantendo as súas contas de beneficios a costa dos traballadores/as.

Ademais que garantías temos de que non se produzan descolgues salariais, ERE´s, recortes de dereitos ou aparezan novos convenios de empresa? NINGUNHA. Que garantías temos que a patronal respecte este novo acordo? NINGUNHA. Ás probas nos remitimos, xa existía un convenio e non o respectaron, porque van a respectar este acordo? Para o ano que ven teremos outro capitulo desta morte anunciada? Por que non se introducen cláusulas en favor dos traballadores/as con garantías de ser respectadas? Todo isto segue a mesma liña dos últimos anos, unha verdadeira tomadura de pelo ao sector. Pensan convencernos co acordo do recoñecemento do cómputo de xornada do día de permiso por asuntos propios a partir do 2015? pero se isto xa estaba en convenios anteriores e aínda non o respecta a día de hoxe. En relación ao acordo económico ao que se chega no SIMA o entendemos prexudicial para o conxunto dos traballadores/as, porque ao tomar como referencia o PIB, non se ten como referencia a situación económica do sector ao que se refire este acordo, xa que pode darse a circunstancia que o PIB xeral do 2012-2013 sexa inferior aos beneficios do sector seguridade, polo que estariamos tendo un incremento menor ao incremento que ten o sector da seguridade. Tendo en conta isto, explicamos agora o acordo sobre o incremento salarial para os anos 2012-2013-2014:

  • Incremento salarial para o 2012: 2,4% (abandonando o que está asinado do 4,4%).
  • Incremento salarial para o 2013: 1% incremento salarial (recuperación) + 0,4% (PIB superior 1% e inferior a 2%) ou + 0,9% (PIB superior ao 2%).
  • Incremento salarial para o 2014: 1,6% incremento salarial (recuperación) + 0,4% (PIB superior 1% e inferior a 2%) ou + 0,9% (PIB superior ao 2%).

Sóavos esta proposta verdade? SI, mirade a acta de 29 de decembro de 2011 (proposta máis baixa aínda que fixera a patronal daquela) e refrescade a memoria do que defendíamos as centrais sindicais na reunión do 11 de xaneiro de 2012.

Dende a CIG entendemos que isto non é solución ningunha, por unha parte non garante nada, e por outra empeora o xa pactado no convenio colectivo. Ademais, con isto seguiriamos perdendo poder adquisitivo, xa que despois de pasar 2 anos co salario conxelado (2009-2010), que non recuperamos nunca, o incremento deste ano ao diferilo nos dous anos seguintes, seguiriamos perdendo xa que os incrementos non serian en base ao incremento pactado para este ano. Para nos o mais consecuente e responsable neste momento sería que se aplicara o pactado en convenio colectivo e constituír a mesa de negociación para negociar o próximo convenio.

SEGUIREMOS INFORMANDO

CONVENIO GALEGO, XA!