A CIG estima en 200.000 persoas a participación nas súas manifestacións

20120329_folga_na_corunha.jpg
A Confederación Intersindical Galega cifrou en preto de 200.000 persoas a participación nas manifestacións que desenvolveu o 29 de marzo, xornada de folga xeral contra a reforma laboral impulsada polo Goberno español. O paro foi un éxito rotundo nos centros industriais, nas plataformas loxísticas, na limpeza viaria e recollida do lixo ou nos transportes de viaxeiros.
30/3/12.

Crónica da folga publicada en Avantar:

Preto de 200.000 galegos e galegas participaron hoxe nas manifestacións celebradas nas principais cidades e vilas do país coincidindo coa xornada de folga xeral convocada pola CIG para rexeitar a nova reforma laboral do PP. Dende a central nacionalista galega valoran moi positivamente o seguimento que está a ter o paro dende o inicio, que se traduciu nas maiores mobilizacións que se lembran nestes últimos anos en Galiza.

Todos os secretarios/as comarcais da CIG coincidiron en sinalar o carácter histórico das marchas organizadas nas súas respectivas localidades debido á elevadísima participación. Vigo volveu ser o lugar que concentrou a un maior número de xente, superándose con creces as 60.000 persoas. A continuación situaríanse A Coruña e Ferrol, con 30.000 persoas cada unha delas, ademais de Santiago de Compostela, onde participaron da orde de 18.000.

Ourense e Pontevedra con 10.000 persoas e Lugo con 9.000 serían as seguintes en índice de participación, mentres que Ribeira (3.000 manifestantes), Vilagarcía de Arousa (3.000) Verín (1.000), Xinzo (400), Cee (400) e Silleda (300 persoas) pecharían a lista. A última manifestación do día foi a de Foz, ás 19:00 horas, e contou cunha participación histórica que acadou as 2.000 persoas.

A manifestación central, na que participou o secretario xeral da CIG, congregou en Vigo a máis de 60.000 persoas. A magnitude da marcha fixo que a cola da manifestación non puidese saír da Doblada cando a cabeza xa se atopaba na farola de Príncipe. Ao remate do acto tomaron a palabra o secretario comarcal de Vigo e o secretario xeral da CIG, Serafín Otero e Suso Seixo.

Mobilización histórica

O máximo responsábel do sindicato na cidade salientou o carácter histórico da mobilización, que definiu como unha das maiores da historia da comarca. Pola súa banda, Suso Seixo fixo fincapé na rotunda resposta da clase traballadora galega e no feito de que a CIG fose a primeira central en convocar a folga en todo o Estado.

O secretario xeral do sindicato nacionalista cualificou como altamente positivo o seguimento que tivo o paro no conxunto do país (que cifrou entre un 80 e o 90%) e a masiva participación nunhas manifestacións “que son as máis numerosas que se teñen feito en Galiza”.

Con todo, Seixo indicou que o resultado foi o agardado “despois do gran traballo realizado polos compañeiros e compañeiras da CIG, tanto nas empresas como na rúa”. Na súa opinión, o éxito acadado constata a capacidade mobilizadora da CIG. “Ademais, a xente entendeu que fomos nós os que tomamos a iniciativa de convocar a folga xeral e sumouse ás nosas mobilizacións”, comentou.

Finalmente, incidiu na necesidade de continuar a contestar a reforma laboral, tanto na rúa como nas empresas a través dos convenios colectivos. O acto pechouse coa interpretación da Internacional e do Himno Galego.

Galería de imaxes da manifestación de Vigo.

Galería de imaxes da Coruña.

Galería de imaxes de Ferrol.

Galería de imaxes de Compostela.

Galería de imaxes de Lugo e A Mariña.

Galería de imaxes de Ribeira, Cee, Silleda, Xinzo e Verín.

Galería de imaxes de Pontevedra.