O Pazo de Rilo impide o acceso dos traballadores tras regresaren de vacacións

LOGO_CIG-SERVIZOS.JPG
Os traballadores do Pazo de Rilo, en Mugardos, non puideron acceder aos seus postos tras regresaren das vacacións ao impedírllelo a empresa, que tampouco lles remitiu as cartas de despedimento nin facilitou a documentación necesaria para tramitar as prestacións por desemprego.
04/4/12.

Despois dun mes de vacacións, no momento da reincorporación, os traballadores viron como a empresa lles denegou o acceso aos seus postos. Incluso a persoa de confianza dos propietarios chamou a policía para impedir a entrada do persoal.

A sociedade Pazo de Rilo S.L. non facilitou ao persoal a carta de despedimento, nin a documentación necesaria para poder aclarar a súa situación legal e solicitar a prestación por desemprego. A compañía tamén adebeda entre catro e cinco meses de salario.

Rocío Doce, secretaria de Organización da Federación en Ferrol, censurou a actitude desta empresa: “En tempo de bonanza explotan a xente, enriquecéndose a súa conta e, diante da primeira dificultade, desaparecen e deixan abandonados os traballadores”. A Federación considera esta actuación inaceptábel, covarde e irresponsábel.