Consúmase a traizón e o sindicalismo español asina a modificación do convenio de seguridade privada

20101214_mani_seguridade_vigo
O sindicalismo español asinou, o 16 de abril, a modificación do convenio estatal de empresas de seguridade, o que suporá a ampliación da súa vixencia dous anos máis e a supresión do incremento salarial que se pactara para este ano. CIG-Servizos convoca os seus delegados a unha asemblea, que se desenvolverá no local de Compostela, o 26 de abril, ás 16:30 horas.
18/4/12.

Comunicado da CIG-Servizos:

O pasado 16 de abril asinouse por parte dos sindicatos CCOO-UGT-USO e pola parte empresarial APROSER, FES, ACAES e AES o novo convenio 2012-2014, podéndose estender o mesmo ata o 31-12-2018, estes actores negociaron este convenio con total oscurantismo e alevosía, sen ter en conta a opinión do sector, negándolles a oportunidade sequera de opinar sobre o mesmo, condenándonos a un futuro incerto. Como se pode entender que este convenio se asine nunha semana en dúas reunións, cando todos os anteriores levaron meses de negociacións? A quen queren enganar con esta tétrica representación teatral? Que finalidade esconde esta axilidade nuns momentos tan difíciles como os que estamos a vivir? Este convenio supón outro retroceso para os traballadores/as do sector, non podendo ampararse no argumento do mantemento dos postos de traballo e a repercusión no prezo nos contratos aos clientes, para non respectar a aplicación do que estaba pactado no anterior convenio. Falan de que tratarán de evitar os descolgues salariais, a negociación de convenios de empresa e que isto supón unha aposta de futuro pola viabilidade do sector con condicións de traballo e económicas dignas. Pois, para acadar isto teñen que deixar de facer acordos que menoscaban os dereitos dos traballadores/as, que incrementan a súa precariedade laboral e o único que levan é a que as empresas sigan mantendo as súas contas de beneficios a costa dos traballadores/as.

Que garantías temos de que non se produzan descolgues salariais, ERE´s, recortes de dereitos ou aparezan novos convenios de empresa? NINGUNHA. Que garantías temos que as empresas respecten este novo acordo? NINGUNHA. As probas nos remitimos, xa existía un convenio e non o respectaron, porque van a respectar este? Por que non se introducen cláusulas en favor dos traballadores/as con garantías de ser respectadas? Todo isto segue a mesma liña dos últimos anos, unha verdadeira tomadura de pelo ao sector. Volvemos a recordar que, desde o ano 2009, temos de perda de poder adquisitivo 87 euros mensuais e 1051,5 euros anuais, que non recuperaremos co convenio actual, e agora con este seguiremos perdendo poder adquisitivo que nunca recuperaremos.

Volven a darlle unha volta mais ao día de asuntos propios, o cal non vai ser retribuído ata o 1 de xaneiro de 2015 (agardaremos a ver se é certo), tendo que recuperarse si se disfruta antes desta data, isto supón unha baixada de pantalóns en toda regra, xa que en todo momento cando isto se negociou en anteriores negociacións todo o mundo era coñecedor que este día era retribuído e polo tanto supuña un día menos de traballo. A solución que lle dan as horas extras supón seguir perdendo poder adquisitivo xa que traballar unha hora extra é o mesmo que traballar unha hora de xornada ordinaria, polo tanto a realización de horas extras (tempo libre dos/as traballadores/as) vale o mesmo. En relación aos calendarios laborais serán de carácter voluntario por parte da empresa ou da representación dos traballadores/as e non obrigatorio, quedando a vontade das partes a súa realización, non someténdose a aprobación dos representantes dos traballadores/as senón que a empresa tan só terá que informalos.

En relación ao acordo económico pactado en convenio o entendemos prexudicial para o conxunto dos traballadores/as, porque ao tomar como referencia o PIB, non se ten como referencia a situación económica do sector ao que se refire este acordo, xa que pode darse a circunstancia que o PIB xeral do 2012-2013 sexa inferior aos beneficios do sector seguridade, polo que estariamos tendo un incremento menor ao incremento que ten o sector da seguridade. Tendo en conta isto, explicamos agora o acordo sobre o incremento salarial para os anos 2012-2013-2014:

  • Incremento salarial para o 2012: 2,4% (abandonando o que esta asinado do 4,4%).
  • Incremento salarial para o 2013: 1% incremento salarial (recuperación) + 0,4% (PIB superior 1% e inferior a 2%) ou + 0,9% (PIB superior ao 2%).
  • Incremento salarial para o 2014: 1,6% incremento salarial (recuperación) + 0,4% (PIB superior 1% e inferior a 2%) ou + 0,9% (PIB superior ao 2%).

Neste convenio escenificouse a ruptura da unidade patronal, xa que este convenio non o asina AESPRI e AMPES e outras asociacións empresariais que si o asinan, teñen asociados que xa pediron o descolgue salarial, por iso este convenio non garante absolutamente nada e menos que se respecte por parte das empresas. Ademais, púxose en cuestión por parte de Aespri a lexitimidade desta negociación, manifestando que hai asociacións que non teñen representación legal para poder negociar este convenio, polo que temos dubidas de que esta asociación non impugne este convenio.

Dende a CIG entendemos que isto non é solución ningunha, por unha parte non garante nada, e por outra empeora o xa pactado no convenio colectivo que tiñamos. Ademais, con isto seguiriamos perdendo poder adquisitivo, xa que despois de pasar 2 anos co salario conxelado (2009-2010), que non recuperamos nunca, o incremento deste ano ao diferilo nos dous anos seguintes, seguiriamos perdendo xa que os incrementos non serian en base ao incremento pactado para este ano.

CONVENIO GALEGO, XA!

AdxuntoTamaño
Acta nº3161.53 KB
Acta final133.98 KB
Texto final do convenio2.1 MB
Comunicado da CIG-Servizos47.36 KB