CIG-Servizos demanda a readmisión dos traballadores de Isidro de la Cal despedidos por participar na Folga
Delegados da CIG-Servizos da Coruña realizaron unha concentración diante das instalacións da empresa Isidro de la Cal no peirao de San Diego para esixir a readmisión dos cinco traballadores/as despedidos por participar na Folga Xeral do pasado 29 de Marzo.
A pesar de que a empresa alega razóns económicas para xustificar os despedimentos, esta medida produciuse xusto despois da asemblea organizada polo xefe de produción –ao día seguinte da folga-, na que ameazou con que se ían producir despedimentos.
Porén, estes despedimentos en ningún caso poden xustificarse por razóns produtivas ou económicas, xa que a empresa, que se dedica á transformación de peixe, continúa a contratar novo persoal a través de ETT´s.
A concentración dá continuidade á protesta realizada o pasado 27 de abril diante das instalacións de Isidro de la Cal no polígono industrial do Espírito Santo.