A CIG-Servizos denuncia “a chapuza anunciada” nas obras do Concello da Coruña na Torre de Hércules

Tras permanecer pechado durante seis meses “o faro está practicamente igual, agás que mudaron os traballadores/as
A CIG-Servizos vén de criticar “a chapuza” das obras proxectadas polo Concello da Coruña para a Torre de Hércules, que o xoves volveu abrir as súas portas tras permanecer pechada “por capricho político” ao público dende o pasado mes de xaneiro.
21/6/12.

Tras dunha primeira visita ao faro para comprobar o alcance das obras tan resaltadas polo Goberno municipal, a Federación de Servizos da CIG da Coruña valorou o resultado das mesmas e puntualizar algunhas das afirmacións feitas pola nova Directora do monumento a un grupo de xornalistas:

•    A respecto da afirmación de que o televisor situado ao inicio das escavacións se colocara alí para explicar mediante audiovisual a estrutura do faro, sinalar que o dispositivo e o vídeo xa estaban alí previamente ao peche do faro en xaneiro.

•    En canto a que se mellorou a iluminación da zona  da zona das escavacións, nos xacimentos e no final do túnel de acceso, destacar que continúan a ser os mesmos focos.

•    Sorprende, certamente, o túnel de acceso. Dende o Concello asegurouse ían ensanchar e mellorar este acceso, porén o único que fixeron foi instalar luces de cor azul e chapa negra, que nada teñen que ver co faro, senón que rompe coa súa estética, e maiores non se ensanchou o túnel.

•    Xa no interior da torre, a novidade máis destacada é a instalación dun cubo de metacrilato, de finalidade aínda por determinar, ao remate das 17 escaleiras que dan acceso ás bóvedas romanas. O resto da subida, non ten mellora ningunha, e mesmo se suprimiron algúns focos pequenos que axudan a escurecer aínda máis o principio da subida (algo que era a queixa máis común entre as visitas na anterior época)

•    Tampouco se poden visitar algunhas bóvedas da primeira planta porque segundo parece, estanas restaurando. Este proceso xa se fixo hai algo máis de un ano, cando se realizaron as chamadas radiografías a láser das bóvedas.

•    Polo demais, o resto da subida, a sala Gianinni, e o miradoiro seguen sen cambios.

•    Mención aparte merece o estado dos aseos, que semellan abandonados: están sucios, coas mesmas humidades de sempre e imperfeccións nas paredes, marcos das portas e o enreixado de entrada. Tampouco se atopa en mellores condicións a casa dos fareiros/as, que acumula boa cantidade de óxido e negrura.

En resumen, sinala Adolfo Naya, Secretario de Organización da CIG-Servizos, “pódese aseverar que o faro está practicamente igual que hai seis meses, agás que mudaron os traballadores e as traballadoras. Esta situación vén confirmar as afirmacións da central sindical cando, ao inicio do conflito, sospeitaba que as urxentes obras anunciadas non eran máis ca unha escusa para pechar o faro e botar aos seus 13 traballadores/as á rúa”.

A este respecto, a CIG-Servizos pide á Conselleira de Turismo que deixe dunha vez de menosprezar e desprestixiar o traballo e a labor feita polos anteriores empregados/as da Torre de Hércules, que co seu esforzo tamén contribuíron a que o faro fose declarado Patrimonio da Humanidade.

“Ninguén dubida da valía do novo persoal contratado, mais cómpre lembrarlle á responsábel municipal do PP que durante os últimos 16 anos o faro xa estaba aberto ao público, recibía miles de visitas ao ano que eran atendidas adecuadamente e tiñan á súa disposición a un grupo de traballadores/as do que nunca houbo queixa. E, por certo, se agora Luisa Cid se enche de orgullo ao asegurar que os visitantes poderán ser atendidos até en 10 idiomas, non debería tampouco esquecer que despediu a un traballador que podía atender el só ao público en até seis idiomas diferentes”, asevérase.