A CIG convoca unha concentración polos compañeiros de Servizos aos que lles solicitan tres anos de prisión

Os acusados formaban parte dun piquete na folga do comercio de alimentación da Coruña e Pontevedra en 2009
A Confederación Intersindical Galega convoca mañá martes en Pontevedra unha concentración solidaria coincidindo co xuízo a dous compañeiros da federación de Servizos aos que lle reclaman tres anos de cadea por ter participado na folga do comercio de alimentación na Coruña e Pontevedra en 2009. Marcos Cadórniga e Carlos Aján están acusados, xunto a un sindicalista de CCOO que tamén formaba parte do piquete na xornada de paro, dun delito contra a liberdade dos traballadores/as.
25/6/12.

A CIG ten convocada unha concentración fronte aos Xulgados da Parda, en Pontevedra, mañá a partir das 10.00 horas, media hora antes de que dea comezo no Penal número 1 o xuízo contra Marcos Cadórniga, liberado da federación de Servizos, e Carlos Alján, delegado da central nacionalista na empresa de supermercados Froiz.

Dende a CIG-Servizos rexeitan o proceso contra os dous sindicalistas e critican a actitude da xudicatura, das forzas policiais e dos subdelegados do Goberno español, aos que acusan de perseguir os militantes da CIG pola súa conciencia combativa. “Mentres os responsábeis da crise económica continúan a vivir con total impunidade vemos como se persegue a sindicalistas”, censuran.