Unha manifestación percorre Pontevedra en solidariedade cos sindicalistas condenados a prisión

A marcha reivindicativa, convocada por CIG, CCOO e UGT, rematou diante da Audiencia Provincial
Centos e centos de persoas convocadas pola CIG, CCOO e UGT participaron hoxe na manifestación que percorreu as rúas de Pontevedra en solidariedade cos tres sindicalistas condenados a tres anos de prisión por participar na folga do comercio de alimentación en 2009. Dende a central nacionalista adiantaron que mañá manterán unha xuntanza co fiscal xefe de Galiza para trasladarlles o seu rexeitamento á actitude represiva do Ministerio Fiscal.
17/7/12.

A marcha partiu pasadas as 11.30 horas da Praza da Ferrería e á súa cabeza situáronse os máximos responsábeis dos tres sindicatos convocantes. O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explicou que o motivo da mobilización é trasladarlles a solidariedade das centrais os tres afectados e “amosar o noso rexeitamento a unha condena que é totalmente desproporcionada, xa que fixa tres anos de cadea para tres persoas que o único que fixeron foi garantir o dereito á folga dos traballadores/as”.

Neste senso, Seixo adiantou que mañá manterán unha reunión co fiscal xefe de Galiza para amosarlle o rexeitamento da CIG á actitude de represión sindical que mantén o Ministerio Fiscal. “Todos os días estamos a ver como os causantes da crise gozan de total impunidade mentres os traballadores/as e os sindicalistas/as nos temos que enfrontar a procesos xudiciais por iniciativa da Fiscalía”, denunciou.

A continuación botou a andar a manifestación, que percorreu escasos metros para deterse de novo fronte á sede provincial do Partido Popular. Alí berráronse consignas como “Hai que deter o fascismo do PP” ou “Aquí está a cova de Alí Babá”. Despois a marcha seguiu o seu camiño até rematar diante da Audiencia Provincial, onde se deu lectura a un comunicado conxunto.

Na intervención lembráronse os nomes dos compañeiros condenados (Marcos Cadórniga e Carlos Alján, da CIG; e Carlos Búa, de CCOO), así como o do xuíz que ditou a sentenza e a fiscal que fixo a petición de cadea, Juan José Trashorras García e Rosalina Carrera Cotado. Ao mesmo tempo, criticouse a actitude de Gadis, empresa cuxa denuncia deu pé ao xuízo.

Tamén deixaron moi claro que as mobilizacións solidarias con estes tres compañeiros continuarán nas vindeiras semanas e incidiron que este tipo de actitudes represivas non van facer que “abandonemos a defensa dos nosos dereitos e dunha vida dignas, para as xeracións presentes e futuros”. Finalmente, aseguraron que non van permitir que os compañeiros entren en prisión e que non van parar “até conseguir que vos sexa retirada a condena”.