Os traballadores/as de Sequor en Lugo comezan mobilizacións contra o atraso no cobro das nóminas

Os problemas comezaron o pasado mes de abril, co cambio do accionista maioritario
Traballadores e traballadoras do Grupo Sequor realizaron unha concentración este luns diante da sede da empresa en Lugo en contra dos constantes atrasos que padecen á hora de percibir as súas nóminas. Unha situación que veñen padecendo dende o pasado mes de abril.
18/9/12.

O Secretario de CIG-Servizos en Lugo, Xosé Paz, explicaba que os atrasos no pagamento dos salarios comezaron o pasado mes de abril, xusto despois de que unha empresa madrileña se fixera coa maioría das accións. Esta compañía, sinala, “xa ten problemas no pago dos salarios dende moito antes de que empezara a crise no sector da seguridade privada”. Crise que, matiza Paz, están a empregar as empresas para xustificar toda unha serie de recortes laborais e salariais.

A este respecto, o responsábel comarcal da CIG-Servizos indicou que, segundo as indagación feitas pola representación do persoal, a grande maioría dos clientes de Sequor están pagando puntualmente polo servizos prestados. Porén, a dirección “continúa alegando que non teñen cartos” para afrontar os pagos en tempo.

Fronte a estas afirmacións, dende o Comité sospéitase que o actual accionista maioritario do Grupo está a realizar un traspaso de traballadores/as dunha empresa a outra co obxectivo final de liquidar unha das firmas.

Esta primeira concentración, convocada por CIG, USO e UGT, desenvolveuse diante da sede da empresa en Lugo, a pesar dos intensos esforzos da dirección para conseguir que se desconvocase. O vindeiro luns, o Comité terá unha reunión para avaliar a situación e abordar a posibilidade de organizar novas mobilizacións, xa que a problemática co pagos dos salarios “non ten visos de se solucionar” en breve.