A concesionaria da limpeza municipal de Vilagarcía recorta a xornada laboral para aumentar beneficios

O comité de empresa de Clece impugnará a decisión e pedirá o rescate do servizo
A empresa Clece, concesionaria do servizo de limpeza de edificios e instalacións municipais de Vilagarcía, reducirá entre 5.000 e 5.200 horas anuais a xornada laboral das máis de medio cento de traballadoras/es co obxectivo de aumentar beneficios. Dende o comité (CIG e CCOO) acusan á compañía de facer unha oferta á baixa para gañar o concurso e anuncian que impugnarán a decisión e pedirán o rescate da concesión.
18/10/12.

Nada máis facerse cargo do servizo, hai mes e medio, a compañía xa anunciara a necesidade de acometer “axustes”. Pouco despois, os sindicatos CIG e CCOO facían público o plan de Clece de reducirlle a xornada a máis do 90% das 54 traballadoras/es que foron subrogadas tras o cambio de concesionaria. Dende as centrais sindicais sosteñen que isto suporá unha diminución das horas de limpeza nos distintas instalacións, “o que se traducirá nun empeoramento do servizo”.

Nese senso, lembran que o Goberno local xa recortara días de limpeza no prego de condicións, polo que censuran que a concesionaria pretende agora “reducilos aínda máis”. O responsábel da CIG-Salnés, Xoán Xosé Bouzas Aboi, explicou que segundo os cálculos que manexan esta diminución suporá a perde de entre 5.000 e 5.200 horas de limpeza anuais. “Isto suporalle á empresa un aforro duns 100.000 euros cada exercicio, sen que a cantidade que ten que pagar anualmente o Concello -850.000 euros- se reduza”, critica.

Aboi acusa á empresa de querer beneficiarse a costa dos traballadores/as e de ter presentado unha oferta á baixa para facerse co concurso. “Agora aplican a última reforma laboral do PP para impoñer unha redución de xornada totalmente inxustificada, porque superficie a cubrir segue a ser a mesma”. Ao mesmo tempo, lembra que só tres das 54 empregadas/os teñen un contrato a xornada completa, mentres que as 51 restantes están contratadas por menos de 20 horas semanais. “Hai incluso xente que só traballa dúas horas e media á semana”.

Dende o comité anuncian que impugnarán xudicialmente a decisión e trasladaranlle o conflito ás asociacións de pais e nais. Finalmente, adiantan que lle solicitarán ao Concello de Vilagarcía o rescate da concesión ao considerar que a empresa -pertencente ao grupo ACS do presidente do Real Madrid, Florentino Pérez- está a cometer unha fraude.