Colapsan varios supermercados en protesta polo bloqueo do convenio do comercio de alimentación

Membros da CIG, CCOO e UGT volveron mercar gran cantidade de produtos para devolvelos a continuación
Delegados/as sindicais e traballadores/as do comercio de alimentación da CIG, CCOO e UGT desenvolveron hoxe en Vigo novas accións de protesta para reclamar o desbloqueo das negociacións do convenio colectivo. A mobilización, que ao igual que as levadas a cabo anteriormente en tendas de roupa consistiu en mercar gran cantidade de produtos para devolvelos a continuación, o que provocou largas colas en dous supermercados da cidade.
17/12/12.

Dende a federación de Servizos de Vigo explicaron que a iniciativa forma parte da campaña iniciada recentemente a nivel nacional para presionar á patronal coa fin de desbloquear as negociacións dos convenios de comercio vario, comercio alimentación, téxtil e hostalería.

A súa secretaria comarcal, Transi Fernández, advirte de que a vixencia destes convenios remata en xullo e que, coa nova reforma laboral aprobada polo Partido Popular, a partir de entón “van perder eficacia, poden perder a súa ultraactividade e, polo tanto desaparecer”. A consecuencia inmediata podería ser a perda dos dereitos salariais, laborais e sociais conquistados nos últimos anos.

Neste senso, lembrou de que a pesar de que levan meses reclamando o inicio das negociacións “non foi até hoxe mesmo que nos confirmaron que até o 9 de xaneiro non haberá contactos”. Fernández fixo este anuncio no transcurso da protesta desenvolvida hoxe por arredor de medio cento de membros da CIG, CCOO e UGT no supermercado Gadis da rúa Rosalía de Castro e no Froiz da rúa Uruguai, xa que estas dúas cadeas son as de maior peso na mesa de negociación.

Con anterioridade, os lugares escollidos para a protesta foron dúas tendas de Inditex na cidade, naquela ocasión en protesta polo bloqueo do convenio de comercio téxtil.

As accións de protesta desenvolvéronse sen incidentes, a pesar de que no lugar se personaron dúas patrullas da Policía española que identificaron a varios xornalistas a petición da encargada do Gadis a pesar de que tomaban as imaxes dende o exterior do establecemento.