Novas accións de protesta en establecementos de alimentación e téxtil polo bloqueo dos convenios
Dende a federación de Servizos de Pontevedra explicaron que a iniciativa forma parte da campaña iniciada recentemente a nivel nacional para presionar á patronal coa fin de desbloquear as negociacións dos convenios de comercio vario, comercio alimentación, téxtil e hostalería.
Nesta ocasión o establecemento escollido foi un supermercado Gadis da rúa Benito Corbal, onde se formaron grandes colas e moitos clientes marcharon sen mercar ante o colapso nas caixas, tal e como sucedeu esta semana en Vigo.
No caso de Ourense a protesta desenvolveuse o xoves no centro comercial Pontevella. Un grupo de traballadores/as e delegados/as sindicais de CIG, CCOO e UGT do sector do comercio téxtil concentrouse ás portas establecemento mentres outros/as compañeiros/as colapsaban a tenda MISS-TIC.
Dende a federación de Servizos explican que se trata dun negocio “pertencente á cabeza visíbel dos empresarios do comercio téxtil de Ourense na mesa de negociación”. Finalmente, lembran que os contactos están suspendidos “pola intransixencia da patronal co apoio da Confederación de Empresarios de Ourense”.