Concentración na Coruña contra os despedimentos “exemplarizantes” en Gadis

A CIG-Servizos denuncia que se están a producir despedimentos coincidindo co inicio da negociación do convenio provincial
Delegados e delegadas da CIG-Servizos no Grupo Gadis concentráronse a primeira hora deste mércores ás portas do supermercado que a compañía ten no Mercado de Elviña da Coruña en rexeitamento aos despedimentos que a empresa está a levar a cabo, coincidindo co inicio da negociación do novo convenio provincial.
26/12/12.

A protesta desenvolveuse con motivo do acto de conciliación no SMAC (cuxas oficinas están situadas no mesmo edificio que o supermercado) polo despedimento dun traballador que levaba 12 anos no almacén central de Gadis en Piadela (Betanzos). A empresa, explican os/as compañeiros/as do afectado, para xustificar esta inxusta medida esaxerou as pequenas equivocacións que se cometen a miúdo no almacén (como os erros no etiquetado dun embalaxe), mesmo acusándoo con carácter “retroactivo”. Unhas “faltas”, sinalan, que nos 12 anos que levaba o traballador no almacén, a empresa nunca tivo en conta.

Para Roberto Pérez, responsábel de comercio da CIG-Servizos, o despedimento é totalmente improcedente, polo que prevé “que nin sequera se chegue a xuízo”. De feito, apuntou ao próximo inicio da negociación do convenio colectivo provincial como a verdadeira causa do “goteo de despedimentos” que Gadis está a executar nos almacéns e nas tendas, máis tendo en contra que se trata dunha compañía con beneficios.

Por este motivo entende que se trata dunha medida “exemplarizante” para o resto dos traballadores/as e cun obxectivo claro: amedrentar ao persoal e castigar aos/as traballadores/as e ao sindicato máis activo na defensa dos dereitos. A este respecto lembrou as mobilizacións que sacudiron ao sector durante as negociacións do último convenio e o éxito da folga convocada con tal motivo.

Ademais, os delegados/as da CIG aseguran que Gadis está incumprindo reiteradamente o convenio colectivo e tomando represalias contra aqueles/as traballadores/as que están de baixa ou collen os días de asuntos propios. Neste senso, lembraron que a empresa xa ten numerosas sentenzas condenatorias por acoso sindical e vulneración de dereitos sindicais.