Traballadores/as da limpeza da Coruña mobilízanse pola sinatura dun convenio colectivo provincial digno

A CIG-Servizos denuncia que as grandes empresas estatais do sector pretender deixar sen convenio propio a 5.000 traballadores/a
Traballadores e traballadoras da limpeza da provincia da Coruña concentráronse este venres en diferentes puntos da cidade herculina para esixir das grandes empresas do sector que asinen dunha vez o convenio colectivo, xa que se negan a asumir o principio de acordo que existe entre as pequenas empresas locais e as organizacións sindicais.
28/12/12.

Dende a Federación de Servizos da CIG explican que sindicatos e patronal levan dous anos negociando o novo convenio provincial, que afecta a uns 5.000 traballadores/as da provincia. Na última reunión, as pequenas empresas do sector (maiormente de ámbito galego) presentaron unha proposta asumíbel polas organizacións sindicais presentes na mesa, pero que non se puido efectivizar, ante a negativa de Aspel (a patronal estatal que agrupa ás grandes empresas) a asinar o acordo.

Ademais,  Aspel non só se negou a ratificar o texto senón que mesmo ameazou con recorrelo se se producía unha sinatura do mesmo por parte dos sindicatos e a outra parte da patronal. Así as cousas, neste momento os miles de traballadores/as do sector atópanse nunha situación de indefensión, xa que por mor da regresiva reforma laboral do PP, se non se produce un acordo antes de seis meses, o marco normativo provincial deixará de ter validez e o persoal pasará a estar regulado polo convenio estatal (que a gran patronal da limpeza vén de asinar).

A este respecto, dende a Federación de Servizos sinalan que polo momento descoñecen o contido do convenio estatal e as condicións laborais e salariais pactadas no mesmo. 

A mobilización enmárcase nas accións que o persoal e as centrais sindicais están realizando nas últimas semanas, e que inclúe unha visita aos centros de traballo que teñen contratados os servizos de limpeza destas empresas para explicarlle a situación na que se atopan e as posíbeis consecuencias da negativa a asinar o novo convenio. Hai dúas semanas, o persoal mobilizouse no Centro Comercial das Cancelas de Santiago, a semana pasada facíao no Alcampo de Ferrol e o vindeiro venres está prevista unha nova xornada de protestas.

Hoxe os traballadores/as concentráronse diante dunha oficina do BBVA e Novagalicia Banco –que teñen contratados os servizos de empresas asociadas a Aspel-, así como diante da sede da ONCE, xa que á corporación empresarial da organización de cegos pertence Pilsa Alentis, unha das empresas que se nega a asinar o acordo provincial.

De non producírense avances nas próximas semanas, as organizacións sindicais non descartan tampouco a convocatoria dunha folga no sector.