Concentración no restaurante VIPS da Coruña contra o acordo laboral que empiora as condicións

Traballadores e traballadoras protestaron o sábado ás portas do estabelecemento
Traballadores e traballadoras do restaurante que o Grupo VIPS ten no centro comercial dos Cantones Village (A Coruña), realizaron unha concentración o pasado sábado, 5 de xaneiro, en rexeitamento ao acordo laboral asinado en Madrid que rebaixa un 25% a xornada (e consecuentemente o salario) do persoal, elimina prestacións como a cobertura do 100% nas IT e estabelece a conxelación salarial para os anos 2013 e 2014.
07/1/13.

A empresa, explica Adolfo Naya, da CIG-Servizos alega perdas de 25 millóns en todo o Grupo para aplicar este brutal recorte de dereitos, asegurando que toma a medida para supostamente salvar o nivel de emprego. Porén, matiza o sindicalista, as cifras económicas do grupo non son extrapolábeis ao nivel de perdas que poida ter o estabelecemento galego, xa que estas resultan totalmente asumíbeis e non xustifican ningún tipo de recorte salarial ou social.

A este respecto, cómpre subliñar que o 30% do grupo pertence ao xigante de banca de inversión e valores Goldman Sachs, un dos artífices da crise financeira que estoupou en 2008, derivando na profunda crise económica e social que estamos a padecer.

Así mesmo, dende a CIG-Servizos amosaron as súas dúbidas a respecto de que a empresa poida incorrer nunha estafa á Seguridade Social, xa que no marco das medidas de recorte, recóllese que se van quitar 20 euros do salario base que pasarán a cobrarse como plus de transporte, polo que mediante esta fórmula o Grupo empresarial deixará de cotizar por estas contías á Seguridade Social.