Continúan as mobilizacións dos traballadores/as de limpeza da Coruña en demanda dun novo convenio

A gran patronal española négase a ratificar o acordo acadado entre as empresas locais e as centrais sindicais
Traballadores e traballadoras chegados/as de distintos puntos da provincia da Coruña realizaron unha nova concentración no Centro Comercial Catro Camiños e no Corte Inglés da cidade herculina para esixir da gran patronal do sector (ASPEL) que asine o texto do novo convenio colectivo provincial. Esta negativa ocasionará que a partir de xuño o convenio provincial desapareza e o persoal pase a estar rexido polo convenio estatal que ASPEL vén de asinar en Madrid.
07/1/13.

O persoal, convocado polas tres centrais sindicais (CIG, UGT e CCOO), concentrouse por volta das seis da tarde diante do Centro Comercial Catro Camiños da Coruña, e posteriormente levou as súas reivindicacións polo interior do edificio e das instalacións que o Corte Inglés ten no mesmo lugar.

Dende a CIG-Servizos lembraron que a decisión de mobilizarse chegou trala negativa de parte da patronal ASPEL (que agrupa ás grandes empresas españolas do sector) á ratificar o principio de acordo acado entre a patronal provincial e as organizacións sindicais, xa que na última reunión da mesa de negociación as pequenas empresas presentaron unha proposta asumíbel pola representación do persoal. 

Esta proposta consiste nun convenio a 3 anos (2011,2012,2013), cun incremento para cada ano do 0%, 1,3% e 1,1%, unha mellora nas licencias con 8 horas ao ano para acompañar menores de 14 anos e dependentes ao cargo a consulta médica, e 3 días no caso de hospitalización de familiares. Porén, o máis valora polas organizacións sindicais é o feito de que se inclúe “un novo artigo que regula como un dereito ocupar vacantes e novas prazas por parte do cadro de persoal existente con xornada parcial antes de novas contratacións e ordenada, dando preferencia a quen veu a súa xornada reducida desde o ano 2008”, explican.

Aínda que a proposta non cumpre as aspiracións sindicais, especialmente na parte económica, dende a CIG-Servizos sinalan que se achega a boa parte do manifestado polos traballadores/as durante as asembleas celebradas.

A pesar deste principio de entendemento, ASPEL manifestou na Mesa que non apoiaba esa proposta, e que impugnaría o convenio se este se asinaba polos sindicatos e a Asociación Provincial de Empresas de Limpeza. Para que o convenio sexa legal teñen que asinalo as dúas patronais.  

En vista desta perspectiva, as tres centrais presentes na Mesa de Negociación, convocaron un calendario de mobilizacións que nas últimas semanas levou as protestas ás cidades da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela.