O comité de empresa de Ence acusa á dirección de non evitar o despedimento do persoal de seguridade

Critican que a pasteira non lle esixise a Sequor a subrogación dos traballadores/as que forman parte do plan de emerxencias
O comité de empresa de Ence acusa á dirección da pasteira pontevedresa de non facer nada para evitar o despedimento dos gardas de seguridade tras o cambio de subcontrata. Os representantes dos traballadores/as critican que a compañía non lle esixise a Sequor a subrogación do cadro de persoal e anuncian a presentación dunha denuncia ante a deixadez en materia de seguridade xa que os novos empregados/as carecen da formación suficiente.
08/1/13.

Dende o comité amosaron a súa solidariedade cos traballadores/as que perderon o seu emprego o 1 de xaneiro “porque a dirección de Ence non fixo o menor esforzo para que pasasen subrogados á nova empresa contratada para facerse cargo da seguridade”.

Neste senso, lembran que nada máis facerse cargo do servizo Sequor comezou a pagar as nóminas con atraso “pero como non se reconduciu a situación agora quedan sen traballo con salarios pendentes de cobrar e sen cotizar á Seguridade Social e no paro”.

Segundo explican, a decisión da empresa pode constituír unha ilegalidade, tendo en conta que o posto de garda de seguridade está incluído no Plan de Emerxencia Interior (PEI), “e o novo persoal carece de formación e información, xa que nin sequera coñece a fábrica para actuar en caso de emerxencia”.

Diante disto, anuncian que presentarán denuncia diante da autoridade competente “xa que a empresa demostra pouco interese pola seguridade, poñendo en risco tanto os traballadores/as propios/as como os auxiliares”.