Persoal de seguridade privada mobilízase contra o descolgue do convenio e a rebaixa das condicións

Un grupo de traballadores/as impediron cunha barricada a saída dos furgóns blindados da nave de Prosegur na Coruña
Os traballadores e traballadoras da seguridade privada veñen de iniciar un calendario de mobilizacións en defensa do emprego e dunhas condicións laborais e salariais dignas fronte as pretensións da patronal de descolgarse do convenio colectivo e impor acordos de empresa á baixa, precarizando deste xeito aínda máis as retribucións económicas dos traballadores/as e as súas condicións de traballo.
11/1/13.

Dende antes das 06:00 horas un grupo de traballadores e traballadoras da seguridade privada concentrábanse este venres diante da sede que a empresa Prosegur ten no Polígono da Grela, na Coruña, montando alí unha barricada, co obxectivo de atrasar a saída dos transportes blindados e amosar deste xeito a súa oposición ás últimas medidas aplicadas pola compañía.

Con esta acción, o persoal dá comezo ás mobilizacións contra as pretensións da patronal de rebaixar as condicións laborais e salariais, a través do descolgue do convenio colectivo (de ámbito estatal e cunhas condicións xa cativeiras) e indo a convenios de empresa, co obxectivo de seguir mantendo a súa marxe de beneficio.

A este respecto, o Secretario da CIG-Servizos, Paulo Rubido, explicaba que as grandes empresas, tras o fracaso nas tentativas de modificar unha vez máis á baixa o convenio estatal, acordaron unha estratexia coordinada de descolgue, amparándose nas facilidades introducidas pola regresiva reforma laboral. Aínda que esta medida foi tomada inicialmente polas grandes empresas, esta práctica estase estendendo xa ao conxunto do da seguridade privada.

“O sector da seguridade privada é o máis desregulado e ao que máis lle están aplicando a reforma laboral”, afirma Rubido, quen lembra os numerosos expedientes de regulación de emprego que teñen aplicando as empresas nos últimos tempos. O responsábel da CIG-Servizos denunciou tamén as condicións precarias nas que o  persoal de seguridade privada realiza o seu traballo: salarios de 700 euros mes, xornadas de 1.826 horas anuais cunha distribución irregular, inexistencia de pluses nin recoñecemento da antigüidade, desaparición das categorías laborais, mobilidade xeográfica, ou a redución das prestacións de IT.

Fronte as pretensións da patronal, dende a CIG-Servizos advirten que se oporán a calquera descolgue salarial, convenio de empresa,  modificación do convenio ou ERE, e que se levará adiante unha dura loita na defensa dos empregos e por unhas condicións laborais e salariais digna para o conxunto dos traballadores/as do sector.

Marcha a pé a dende o Cebreiro a Santiago

Alén da acción reivindicativa deste venres, os traballadores/as están chamados a participar na marcha a pé en defensa do sector e pola dignidade laboral. A marcha, que se realizará por quendas, sairá do Cebreiro o día 21 de xaneiro e rematará en Santiago de Compostela o sábado 26, onde está previsto realizar, ás 17:30 horas, unha chourizada pública sen pan na praza do Obradoiro.