A CIG-Servizos reclama cunha protesta diante do Marco o mantemento do emprego no museo vigués

Dende a federación denuncian que a pugna política entre Deputación (PP) e Concello (PSOE) aboca a infraestrutura ao peche
Un grupo de traballadores/as do museo Marco de Vigo e de delegados/as da CIG levaron a cabo unha concentración de protesta ás portas do edificio para reclamar o mantemento do emprego no centro. Dende a federación de Servizos da central nacionalista denuncian que o enfrontamento político entre a Deputación (PP) e o Concello (PSOE) pon en perigo a supervivencia dunha das infraestruturas culturais de referencia na cidade.
15/1/13.

Máis de medio cento de persoas participaron na concentración convocada pola CIG ás portas do edificio situado na rúa Príncipe entre as 11.00 e as 12.00 horas.

Alí despregaron unha faixa na que se reclama o mantemento dos postos de traballo e se culpa da destrución de emprego no museo a PP e PSOE, personalizados nas figuras do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.

Durante a hora que durou a protesta berraron consignas denunciando a situación de precariedade na que se atopa o centro e sinalando a culpabilidade destas dúas institucións públicas que forman parte do seu padroado.

O responsábel de Negociación Colectiva da federación de Servizos da central nacionalista, Pedro Pérez, explicou que o motivo da protesta é reclamar o mantemento do emprego no centro tras a drástica redución do seu orzamento, que foi do 46% no último ano.

“A pugna política entre Caballero e Louzán provocou unha baixada das achegas económicas por parte dos patróns, sendo o último episodio o anuncio do Concello de reducir en 200.000 euros esta cantidade”, indica o responsábel sindical. Esta situación tradúcese en numerosos recortes, “até o punto de que hoxe mesmo rematan os contratos dos cinco gardas de seguridade, polo que o centro queda sen este servizo a partir de agora”.

Ao mesmo tempo, departamentos como o de limpeza ou atención ao público sufrirán recortes do 30%. “Sen esquecer que os salarios baixarán arredor dun 25% despois da decisión unilateral do padroado, que non consultou sequera cos afectados/as”.

Na súa opinión, no caso de que esta situación se prolongue durante máis tempo “o museo terá que pechar as portas, quedando a cidade sen un dos seus referentes culturais”. Finalmente, anuncia a convocatoria de novas mobilizacións nos vindeiros días, “tanto diante da Deputación como do Concello”.