Traballadores/as da seguridade privada inician o luns 21 unha marcha a pé dende o Cebreiro a Compostela

En rexeitamento aos EREs no sector e a pretensión de descolgarse do convenio e impor acordos de empresa rebaixando condicións
O vindeiro luns 21 de xaneiro, un grupo de traballadores e traballadoras da seguridade privada iniciará unha marcha a pé reivindicativa pola dignidade laboral do sector, que se iniciará na aldea do Cebreiro ás 9:00 horas e rematará o sábado 26 en Santiago de Compostela. A previsión é que a chegada á Praza do Obradoiro sexa contra as 17:30 horas, onde farán unha “chourizada” popular sen pan, porque, tal e como denuncia a CIG-Servizos “non hai pan para tanto chourizo”. Desde a federación convidan á veciñanza de Compostela e, nomeadamente, ao seu alcalde a participar neste evento reivindicativo.
18/1/13.

A acción de protesta, organizada pola CIG-Servizos, enmárcase no calendario de mobilizacións que os traballadores/as da seguridade privada están a realizar en defensa do emprego e dunhas condicións laborais e salariais dignas fronte as pretensións da patronal de descolgarse do convenio colectivo e impor acordos de empresa á baixa, precarizando deste xeito aínda máis as retribucións económicas do persoal e as súas condicións de traballo.  

Fronte as pretensións da patronal, a CIG-Servizos xa advertiu que se oporá a calquera descolgue salarial, convenio de empresa,  modificación do convenio ou ERE, e que se levará adiante unha dura loita na defensa dos empregos e por unhas condicións laborais e salariais digna para o conxunto dos traballadores/as do sector.

A marcha cubrirase nas seguintes etapas:

-          Día 21: O Cebreiro - Calvor (31 km).

-          Día 22: Calvor – Portomarín (31km)

-          Día 23: Portomarín – Palas de Rei (25 km)

-          Día 24: Palas de Rei – Arzúa (28.8 Km)

-          Día 25: Arzúa – Pedrouzo (Arca) (19 Km)

-          Día 26: Pedrouzo – Compostela (20km)