A CIG-Servizos acusa a Linorsa de fraude na limpeza do CRD e no CIFP Manuel Antonio de Vigo

Dende a central nacionalista critican que a empresa -á que barallan denunciar por malversación de fondos- elimine dereitos
A CIG-Servizos denuncia que a empresa Linorsa está a eliminar os dereitos laborais do persoal de limpeza do Centro Residencial Docente e do CIFP Manoel Antonio de Vigo en conivencia coas direccións dos centros. O comité xa puxera de manifesto os incumprimentos da compañía, “que dende o comezo da súa actividade vén aplicando o convenio colectivo ao seu antollo, ilegalidades que foron comprobadas pola Inspección de Traballo”.
23/1/13.

Segundo explica secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, a primeira irregularidade foi o incumprimento do convenio en canto á promoción interna, xa que a persoa que substituíu ao anterior responsábel de equipo non estaba adscrita ao servizo de limpeza.

“Por se isto fose pouco, esta persoa estaba a traballar estando de baixa, o que foi comprobado pola Inspección de Traballo, que a sancionou cunha falta moi grave”. Neste senso, entenden que isto debera supoñer a rescisión do contrato e a comunicación deste extremo á Administración por parte das direccións dos centros.

O segundo incumprimento que denuncian dende a federación foi a xubilación do encargado xeral, praza que non foi cuberta por unha limpadora como se pretendía por parte do comité xa que figuraba no orzamento. Isto provocou que a praza quedase baleira , o que se traduce nun beneficio para empresa de máis de 15.000 euros. O traballador que durante catro anos viña cubrindo esta praza cun contrato de relevo foi despedido.

O terceiro, segundo indican dende a CIG-Servizos, foi a intención da empresa de rebaixar en cinco días as vacacións. “Houbo que denunciar no Xulgado do Social, que nos deu a razón”. A cuarta irregularidade foi o aumento de xornada, no que a empresa non computa os sábados e domingos que se traballan para a realización de labores extraordinarias. “E todo incumprindo os prazos legais, incluso os que establece a nova reforma laboral”. Ademais, critican que ao propio presidente do comité se lle tivese notificado por teléfono un domingo, “para comezar o dia seguinte a nova xornada imposta pola empresa e consentida polas direccións dos centros”.

Ao mesmo tempo, a empresa aplicou recortes salariais do 5% en todos os conceptos (uns 90 euros por persoa, máis agora a paga de Nadal, uns 1100 euros por cada empregado/a). Tamén baixan todo o que repercute en conceptos de Seguridade Social, así como a base reguladora para os meses que teñen que cobrar as prestacións por desemprego. “Ademais de obrigarlles os traballadores/as a facer a declaración da renda por ter dous pagadores, déixanos cunha rebaixa do seu poder adquisitivo moi importante”.

Tamén critican o incumprimento do prego de condicións en canto á substitucións por baixas, xa que estas non son cubertas. “O que se fai por parte da empresa é cambios de quendas de persoal da mañá para a tarde, que e onde menos persoal teñen, e se é na quenda da mañá non se realizan contratos de substitución até máis de dúas baixas ou algunha traballadora fanse horas extras”, explican. Tampouco se paga a turnicidade recollida en convenio.

A sétima irregularidade tería que ver coa limpeza de dependencias que están sendo explotadas por outras concesionarias, “así como a propia vivenda do director do CRD”.

Malversación de fondos públicos

As 21 traballadoras/es destes dous centros vigueses levan máis de 35 anos prestando servizos como fixas-descontinuas, chegando na década dos 90 a un acordo de equiparación salarial co persoal laboral da Xunta de Galiza.

Dende a CIG-Servizos indican que “como se pode ver, só aplican no que se lles antolla a equiparación, xa que como recolle o acordo da Xunta coas representacións sindicais do persoal laboral, non existe o tipo de contrato de fixo-discontinuo dende hai máis de catro anos”.

Por todo isto, e ante a falta de resposta das direccións dos centros a manter unha xuntanza coa representación sindical, o comité de empresa reunirase con carácter extraordinario o día 4 de febreiro para desenvolver mobilizacións e trasladar os acordos á asemblea de traballadoras/es que se celebrará o día 5 para a súa aprobación.

Lembran que as traballadoras/es só queren que se abra unha investigación para saber onde van parar os cartos, “xa que vemos moita obra que non sae a concurso como os novos balcóns ou outros servizos que non sabemos quen os paga”.

Diante disto, non descartan denunciar á empresa por malversación de fondos públicos. “Dende logo a oferta económica queda claro que a paga o colectivo, non esquezamos que Linorsa non abonou tampouco a paga extra de Nadal ás limpadoras do Parlamento de Galiza, e por suposto, non llos devolveu á Xunta”.

Finalmente, lembran que o Centro Residencial Docente e o CIFP Manoel Antonio son as antigas universidades laborais, das que en Galiza só hai tres (A Coruña, Ourense e Vigo). En Vigo, é a empresa Linorsa a que xestiona o servizo, subrogando ao persoal que traballaba para a empresa Valoriza, e que a oferta económica e técnica foi realizada e aprobada antes do Decreto que se lle aplicou o persoal laboral da Xunta para combater o déficit publico.