O Comité de Albada denuncia por posíbel delito contra o medioambiente provocado por un verquido

A pasada fin de semana produciuse un vertido de residuos directamente ao mar tras o desbordamento dunha das balsas da planta
O Comité de Albada (empresa concesionaria da planta de tratamento de residuos de Nostián) formulou denuncia este mércores diante da Policía Autonómica pola comisión dun posíbel delito contra o medio ambiente, logo de que a pasada fin de semana se producira un verquido incontrolado de lixiviados directamente ao mar, tras desbordarse unha das balsas das instalacións.
23/1/13.

A decisión de presentar denuncia acordouse tras a reunión do Comité de Seguridade e Saúde laboral celebrada o martes pola tarde, xa que, ao seu entender os lixiviados producidos na planta de Nostián non se están a tratar de xeito adecuado e con todas as seguridades. O Presidente do Comité, José Manuel Vilariño, explicaba ás portas do edificio da Policía Autonómica na Coruña que na planta estanse a producir filtracións de lixiviados e mesmo algunha das naves está inundada con estes residuos.

“O vertido producido durante a pasada fin de semana, matizou, non é un caso puntual. Cada vez que hai chuvias abundantes desbórdase a balsa e soe pasar que os lixiviados acaban directamente no mar”. Vilariño sinalou que esta situación xa foi comunicada pola representación dos traballadores/as á dirección de Albada en numerosas ocasións, mais diante da falta de solucións adecuadas acordaron agora formular esta denuncia, co obxectivo de que se adopten as medidas oportunas para corrixir as deficiencias.

“Non se pode permitir que unha empresa concesionaria dun servizo do Concello da Coruña non respecte a normativa medioambiental”, aseverou, puntualizando que este descoido implica tamén un risco para a saúde dos traballadores/as da planta de tratamento de residuos, polo que o Comité tamén presentará a denuncia pertinente na Inspección de Traballo.

“A mala xestión da dirección ten provocado que se chegue ao estremo de haber naves inundadas e filtracións de lixiviados por todas as instalacións, cousa que non pode pasar. Os lixiviados teñen que ser tratados e a empresa ten que tomar medidas ao respecto, máis tendo en conta que se trata dunha planta de reciclaxe”, aseverou.