O Comité de Albada presenta denuncia na Inspección de Traballo polas filtracións de lixiviados en Nostián

A representación do persoal quere que se analicen os riscos que pode ter para a saúde do persoal o contacto con estes residuos
Tal e como tiñan anunciado, os membros do Comité de Albada presentaron este mañá denuncia diante da Inspección de Traballo para que investigue os riscos para a saúde e as condicións de seguridade nas que os traballadores/as da planta de tratamento de residuos de Nostián desenvolven as súas tarefas.
24/1/13.

A denuncia chega un día despois de que a representación do persoal formulase denuncia na Policía Autonómica pola posíbel comisión dun delito contra o medioambiente por mor do verquido de lixiviados ao mar que se rexistrou durante a pasada fin de semana, ao desbordarse unha das balsas.

Ás portas da Inspección de Traballo, o Presidente do Comité de Albada, José Manuel Vilariño, explicaba que presentan denuncia xa que entenden que os traballadores/as da planta poden sufrir algún prexuízo na súa saúde por mor das filtracións de lixiviados que se rexistran por todas as instalacións.

Neste senso, sinalou que o persoal descoñece cal é a composición destes lixiviados e as consecuencias que pode ter sobre a saúde. “Os lixiviados son os líquidos que produce a materia en descomposición. Hai moitos postos de traballo que están inundados destes residuos e os traballadores/as andar por riba deles e manchan a roupa con estes lixiviados, pero non sabemos de que están compostos e polo tanto cales poden ser os seus efectos”, apuntaba Vilariño.

Dende o Comité agárdase que a Inspección realice unha visita ás instalacións de Nostián e adopte as medidas oportunas, porque “o noso interese é que ningún traballador corra riscos”. Por iso censuraron que, a pesar das multitude de ocasións nas que teñen trasladado esta problemática á dirección,  esta “faga caso omiso das nosas advertencias”.