O Xulgado do Social declara improcedente o despido dun membro da CIG na Fundación Valdegodos

A sentenza chega tras outras decisións xudicias que recoñeceron as horas extra ou a antigüidade dos empregados/as
O Xulgado do Social número 3 de Ourense vén de declarar improcedente o despedimento dun membro da sección sindical da CIG da Fundación Valdegodos do Barco de Valdeorras. A sentenza, contra a que cabe recurso no TSXG, chega tras outras decisións xudiciais que obrigaron á empresa a abonar as horas extra e recoñecer a antigüidade do persoal. Dende a central nacionalista denuncian que a dirección da compañía pretende que todos os afiliados/as da CIG abandonen a empresa e anuncian que estudan presentar unha demanda por persecución sindical.
24/1/13.

Dende a Unión Local da CIG de Valdeorras explican que os incumprimentos por parte da Fundación Valdegodos son constantes, feito que xa foi posto en coñecemento da Inspección de Traballo.

Algúns destes incumprimentos foron subsanados mediante sentenzas xudiciais, como o recoñecemento das horas extra ou da antigüidade dos empregados/as.

Ao mesmo tempo, denuncian que a dirección “está a facer todo o posíbel para que os afiliados/as da CIG marchen da empresa porque non lle interesa a xente que non lles di a todo que si e que reclama o cumprimento do convenio colectivo”, indican.

Neste senso, lembran que con anterioridade a dirección do centro xa sancionara a unha delegada sindical e a unha afiliada da CIG. “Os problemas comezaron nada máis entrar na empresa hai oito anos nas primeiras eleccións sindicais”.

Finalmente, adiantan que non descartan presentar unha denuncia contra a Fundación Valdegodos por persecución sindical.