Traballadores/as do Gran Hotel de Lugo concéntranse contra os despedimentos e para esixir os seus salarios

O propietario da empresa, que tamén é dono do Gran Hotel de Compostela e o San Martín de Ourense, atópase na cadea
Traballadores e traballadoras do Gran Hotel de Lugo concentráronse o mércores ás portas do coñecido estabelecemento hoteleiro para esixir a readmisión dos nove compañeiros/as despedidos/as nunha das empresas do grupo e esixir o pagamento de todos os atrasos salariais.
24/1/13.

Dende a CIG-Servizos de Lugo explican que os problemas laborais nesta empresa veñen sendo habituais dende que a finais de 2011 o estabelecemento foi adquirido por Ángel Cabo, un dos implicados no caso Crucero (no que tamén está imputado Díaz Ferrán) e que neste momentos está na cadea acusado de branqueo de capitais e fraude fiscal.

No momento no que Cabo se fixo cargo da empresa (que pertencía ao Grupo Martínez Núñez), xa procedeu a despedir a 14 traballadores/as, aos que lle recoñeceu a improcedencia do despedimento. Agora, sinala Carme Antas, da CIG-Servizos, a empresa vén de despedir a 9 traballadores/as alegando causas económicas e aplicando as facilidades introducidas pola reforma laboral.

O que agrava a situación, sinala, é que ademais a empresa acumula unha enorme débeda salarial co persoal, correspondente aos atrasos de convenio dos anos 2011 e 2012,  a paga extraordinaria de xullo e de nadal, os sete días da paga de “Santa Marta” e a nómina do mes de decembro.

Neste senso, Anta criticou o proceder “empresarial” do propietario do Gran Hotel, que tamén é dono dos estabelecementos GH en Santiago de Compostela e Ourense, xa que até a súa detención era un “liquidador” profesional  que se dedicaba a mercar empresas cunha situación económica grave (Teconsa, Nueva Rumasa ou Marsans) e logo presuntamente procedía, mediante un complexo entramado a través do que salvagardaba o patrimonio para os anteriores propietarios, á súa liquidación.

Diante desta situación, dende a CIG-Servizos de Lugo tamén se baralla convocar unha concentración con motivo da celebración dos actos de conciliación polos recentes despedimentos.