A marcha de traballadores/as de seguridade privada avanza malia as adversas condicións climatolóxicas

Chegarán este sábado a Compostela onde farán unha chourizada popular, ás 17:00 horas, na Praza do Obradoiro
O pasado luns un grupo de vixiantes de seguridade privada iniciaba o Camiño de Santiago, desde o Cebreiro. Unha ‘marcha pola dignidade’, organizada pola CIG-Servizos, coa que queren denunciar a rebaixa salarial e das condicións laborais que pretende impor a patronal do sector. Malia as adversas condicións meteorolóxicas contra as 17:00 horas deste sábado 26 de xaneiro chegarán a Compostela, onde teñen previsto facer unha chourizada popular, á que convidan a toda a veciñanza de Compostela
25/1/13.

(Galería de imaxes)

Manifestan a súa total oposición ás políticas de recorte de dereitos que xa se teñen manifestado en EREs como o xa aprobado en Securitas; aos descolgues salariais e convenios de empresa que empeoran o sector en Prosegur, Eulen, Vinsa, Prosenorsa, Falcon ou Seguribérica, entre outros. E aseguran que loitarán até o final para impedir que se fagan efectivos.

A CIG-Servizos entende que alén dun problema laboral trátase xa dunha cuestión de dignidade e anuncia que ademais desta marcha. Farán todo tipo de accións de denuncia e reivindicativas.

O grupo que iniciou a marcha o pasado luns tivo que facer o seu percorrido coincidindo cun forte temporal de neve que dificultou a marcha, pero que non evitou que se cumpriran as etapas. A día de hoxe manteñen o percorrido previsto e queren transmitir este esforzo ao resto de compañeiras e compañeiros aos que animan a sumarse á etapas que resta. Este venres farán o percorrido Arzúa-Pedrouzo e o sábado Pedrouzo-Compostela.

A CIG chama a recibilos e a participar da chourizada popular que farán ás 17:00 horas na Praza do Obradoiro. Unha chourizada sen pan porque, como din, “non hai pan para tanto chourizo”.