A ‘Marcha pola dignidade’ no sector de seguridade privada remata cunha chourizada no Obradoiro

Este sábado chegaban a Compostela os vixiantes de seguridade privada que percorreron o Camiño de Santiago, desde o Cebreiro, na “Marcha pola Dignidade”. Á súa chegada denunciaron a rebaixa salarial e das condicións laborais que xa comezou a impor a patronal do sector e, tal e como anunciaran, convidaron a unha chourizada popular, no Obradoiro, a compañeiros e compañeiras que se sumaron ás súas demandas.
28/1/13.

(Galería de Imaxes)

(Galería de imaxes)

A marcha iniciouse o pasado luns na aldea do Cebreiro e o camiño non foi doado. Durante o percorrido atoparon neve, vento, chuvia e frío. Malia iso, tal e como estaba previsto, chegaron a Compostela na tarde deste sábado e convidaron a camiñantes e persoas que se achegaron a recibilos/as á chourizada sen pan, coa que denunciaban simbolicamente que non hai pan para tanto chourizo.

A CIG-Servizos organizou esta marcha para alertar ao conxunto de traballadores/as do sector da pretensión da patronal de modificar substancialmente as condicións laborais e salariais do persoal. Un recorte de dereitos que xa se emprendeu en numerosas empresas mediante a aplicación de EREs como o xa aprobado en Securitas; descolgues salariais e convenios de empresa que empeoran a situación do sector como está a ocorrer en Prosegur, Eulen, Vinsa, Prosenorsa, Falcon ou Seguribérica, entre outros.

A CIG-Servizos asegura que defenderán, até o final, os dereitos de traballadores e traballadoras e anuncia que se emprenderán todo tipo de accións para evitar o grave deterioro das condicións laborais e sociais das persoas que desenvolven a súa actividade neste sector. Paulo Rubido, secretario nacional de CIG-Servizos é contundente ao valorar que máis alá dunha simple cuestión laboral estamos xa ante “unha cuestión de dignidade”.