Traballadores/as da limpeza continúan co calendario de mobilizacións por un convenio digno

Traballadores e traballadoras dos servizos de limpeza da provincia da Coruña continuaron o pasado venres co calendario de mobilizacións para esixir da gran patronal do sector que asine o preacordo que existe entre organizacións sindicais e as pequenas empresas provinciais para o novo convenio colectivo. Desta volta a protesta trasladouse novamente até o interior do Alcampo de Ferrol.
28/1/13.

Dende a CIG-Servizos lembran que a decisión de mobilizarse chegou trala negativa de parte da patronal ASPEL (que agrupa ás grandes empresas españolas do sector) á ratificar o principio de acordo acado entre a patronal provincial e as organizacións sindicais, xa que na última reunión da mesa de negociación as pequenas empresas presentaron unha proposta asumíbel pola representación do persoal. 

Esta proposta consiste nun convenio a 3 anos (2011,2012,2013), cun incremento para cada ano do 0%, 1,3% e 1,1%, unha mellora nas licencias con 8 horas ao ano para acompañar menores de 14 anos e dependentes ao cargo a consulta médica, e 3 días no caso de hospitalización de familiares. Porén, o máis valora polas organizacións sindicais é o feito de que se inclúe “un novo artigo que regula como un dereito ocupar vacantes e novas prazas por parte do cadro de persoal existente con xornada parcial antes de novas contratacións e ordenada, dando preferencia a quen veu a súa xornada reducida desde o ano 2008”, explican.

Aínda que a proposta non cumpre as aspiracións sindicais, especialmente na parte económica, dende a CIG-Servizos sinalan que se achega a boa parte do manifestado polos traballadores/as durante as asembleas celebradas.

A pesar deste principio de entendemento, ASPEL manifestou na Mesa que non apoiaba esa proposta, e que impugnaría o convenio se este se asinaba polos sindicatos e a Asociación Provincial de Empresas de Limpeza. Para que o convenio sexa legal teñen que asinalo as dúas patronais.  

Así as cousas, neste momento os arredor de 5.000 traballadores/as do sector da provincia atópanse nunha situación de indefensión, xa que por mor da regresiva reforma laboral do PP, se non se produce un acordo antes de seis meses, o marco normativo provincial deixará de ter validez e o persoal pasará a estar regulado polo convenio estatal (que a gran patronal da limpeza vén de asinar).

De non producírense avances nas próximas semanas, as organizacións sindicais non descartan tampouco a convocatoria dunha folga no sector.